Solucións para a calor extrema dos veráns ourensáns? Un estudo piloto creará "refuxios climáticos" coa plantación de árbores

A Xunta busca estender este proxecto a outras cidades de máis de 20.000 habitantes.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 17/06/2025 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

Un estudo piloto en Ourense buscará a creación de "refuxios climáticos" a través de zonas verdes coa plantación de árbores para dar sombra nas zonas de máis calor nesta cidade, a cal sofre temperaturas medias de 30 graos durante os meses de xullo e agosto nos últimos anos. A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron un convenio este martes para desenvolver este proxecto, cun investimento da Xunta de 110.000 euros para localizar os espazos coas temperaturas máis altas na cidade, así como identificar as árbores que mellor poidan axudar a paliar a calor e manter a biodiversidade.

Segundo explicou Ángeles Vázquez, a intención é "estender" este proxecto piloto ao resto de municipios de máis 20.000 habitantes para combater as consecuencias do cambio climático. Apunta a que era necesario comezar por Ourense debido ao seu clima extremo, con veráns moi cálidos e unha peculiar orografía, unido a abundante presenza de asfalto e edificios de formigón que dan lugar a un efecto de "illa de calor". De tal forma, a UVigo encargarase de realizar estes traballos e o Concello de Ourense colaborará na súa posta en marcha. O estudo debe estar concluído antes de terminar 2025, o que "vai supor ter un mapa real dos puntos máis quentes dentro da cidade", un ano no que se prevé comezar a implantar tamén algunhas das medidas. Todo iso "sabendo que poida que estas ondas de calor vaian a máis", explica a conselleira.

JÁCOME: "MEDIDAS MODESTAS"

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, opina que "o estudo en principio vai ser tremendamente profundo", pero agrega que "as medidas, a curto prazo, son modestas". Mentres, o reitor da Uvigo, Manuel Reigosa, mostrou a súa "satisfacción" por este estudo que "vai permitir que un dos grupos máis talentosos", co profesor Pedro Orgeira á cabeza, faga este traballo na cidade que "vai ser máis afectada o cambio climático".

Firma de convenio entre Xunta, Concello de Ourense e UVigo para crear 'refuxios climáticos' en Ourense
Firma de convenio entre Xunta, Concello de Ourense e UVigo para crear 'refuxios climáticos' en Ourense | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

En Santiago próbase co cultivo de "microverde urbano": plantas e sementes nas xuntas das lousas do pavimento, no canto de meter cemento, para así reducir a temperatura.