Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2025 | Actualizada ás 14:58
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) da Consellería de Sanidade apelou a toda a cidadanía a doar sangue nas próximas xornadas e, de forma especial, nos grupos A negativo, 0 positivo, B positivo, por estar en nivel baixo, e A positivo, en nivel crítico. En canto ao resto de grupos, o 0 negativo e o AB negativo atópanse en nivel normal, mentres que as reservas de sangue de tipo B negativo e AB positivo están nun bo nivel.
Nun comunicado, ADOS lembrou que hai "moitas persoas nos hospitais" que necesitan recibir unha transfusión dalgún compoñente de sangue por múltiples razóns como unha operación, un transplante, un accidente ou unha enfermidade. Por iso, os hospitais galegos precisan preto de 500 doazóns de sangue cada día para desenvolver de forma eficaz o labor asistencial.
Para facilitar esta participación, a axencia dispón de locais de doazón situados nas sete principais cidades galegas e tamén de unidades móbiles que se desprazan nestes días por diferentes concellos das catro provincias. Pode coñecerse a localización das mesmas na páxina web da axencia de doazón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.