Por Europa Press / Redacción | MADRID | 26/06/2025 | Actualizada ás 14:46
A portavoz e secretaria xeral do Sindicato de Enfermaría, SATSE, María José García, asegura que "farán o que faga falta" para recuperar o salario íntegro das súas pagas extra e sinala que irán adoptando as medidas necesarias "sen descartar nada" para provocar unha resposta do Goberno. Enfermeiros e Fisioterapeutas sumáronse ás concentracións impulsadas polo SATSE en centros sanitarios de distintas comunidades autónomas, tamén en Galicia, para manifestar a súa indignación polo recorte salarial que sofren nas súas dúas pagas extraordinarias que lles supón cobrar uns 700 euros menos de media ao ano.
Así, esixen que as futuras leis de Orzamentos Xerais do Estado recollan a recuperación do importe íntegro das pagas extraordinarias. Neste sentido, lembran que no 2010 prometéuselles que o recorte das pagas extras acabaría cando a economía volvese crecer; e, "unha vez máis, mentíronnos", denuncia a delegada sindical, Cristina Álvarez. Así mesmo, culpan ao expresidente do Goberno socialista, José Luís Rodríguez Zapatero, "que o impuxo"; e ao actual presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e ao seu antecesor, Mariano Rajoy, que "non acabaron con esta inxustiza"; ademais de a todos os ministros, incluída a ministra de Facenda, María Jesús Montero, que "permitiron este sen sentido".
Tamén se denunciou o feito de que, mentres as pagas extra seguen "parcheadas", o custo da vida disparouse nos últimos anos, supondo unha perda de poder adquisitivo para estes profesionais sanitarios de ao redor dun 20 por cento. Estes 15 anos de recortes supuxeron unha perda total de 11.000 euros "que se comeron e forman parte do noso salario", expón Álvarez. Ademais, a delegada considera que "o están facendo en contra da lei". "Están a vulnerar tanto o Estatuto Marco do persoal estatutario do Sistema Nacional de Saúde, como o Estatuto Básico do Empregado Público, que establece que o soldo base e trienio das pagas extras deben de ter igual importe ao da paga mensual", advirte.
Ante esta situación, a resposta que reciben do Goberno é "que non hai diñeiro". Con todo, desde o sindicato denuncian que "non fan outra cousa que malgastalo". Neste sentido, desde SATSE afirman que "é unha situación que soa a burla" e que xa tomaron todas as vías dialogantes posibles durante "moito tempo". En concreto, estableceron contacto co Goberno, coa ministra de Facenda, cos grupos políticos e cos representantes de todos os parlamentos autonómicos. "Levámolo a todos os niveis posibles", sinala García, quen conclúe que xa só queda "saír á rúa e actuar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.