Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2025 | Actualizada ás 13:59
A CIG-Ensino alerta de que a nova instrución da Xunta co procedemento para solicitar un reforzo nos profesores de apoio suporá non só "novos recortes" e "burocracia", senón tamén un maior "control político" da asignación deste persoal.
Así critica a central nacionalista, nun comunicado, a instrución que prepara a Consellería de Educación cun procedemento para que os centros pidan unha dotación extraordinaria de especialistas en Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL).
En concreto, de acordo con este texto, os colexios deberán "xustificar" ante Inspección que non dispoñen de profesores de apoio suficientes e conformarase en cada xefatura territorial unha "comisión técnica", formada por catro persoas, que decidirá.
A CIG-Ensino cuestiona que se poida chamar "técnica" a esta comisión porque ten "claramente" un "carácter político". O tres integrantes que decidirán --o cuarto será un funcionario con voz, pero sen voto-- son cargos de libre designación e, ademais, un deles é o subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, Enrique Prado Cova, que nos últimos días estivo no foco mediático polos seus polémicos artigos de opinión en Internet.
Así mesmo, o sindicato sinala que o novo procedemento "incrementa a burocracia" para as direccións, a pesar de que a Consellería defende o contrario. Tamén apunta que o texto da instrución fala de "alumnado con necesidades educativas especiais" e non de "apoio específico", que englobaría outros perfís.
Neste contexto, a CIG reclama á Xunta, á parte de máis especialistas de PT e Ao estruturais, que negocie as dotacións extraordinarias, "como vacantes que son", a través das xuntas de persoal.
Tamén pide a central que se publiquen todas as prazas que prevé autorizar extraordinariamente para o curso escolar, dando así un prazo "para que os centros poidan alegar o que consideren".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.