O turismo non pode ser un inimigo de quen o acolle: "O primeiro é coidar ao residente"

O auxe das vivendas turísticas en Galicia dispara a presión sobre os barrios e obriga a repensar o modelo: nin prohibir, nin permitir sen límites, senón planificar con sentido común. Falamos con Carlos Alberto Rivas Iglesias, profesor da facultade de Turismo da UDC sobre unha cuestión que está no centro do debate.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 21/09/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O turismo deixou de ser só unha fonte de ingresos para converterse, en moitos lugares, nun problema de convivencia. O que antes se celebraba --rúas cheas, habitacións ocupadas, consumos disparado-- comézase a mirar agora con receo. Porque cando o turista se converte en veciño temporal, o equilibrio pode rachar. E faino, sobre todo, cando ese visitante ocupa unha vivenda que xa non está dispoñible para quen quere vivir todo o ano na cidade. En Galicia, como en tantos outros territorios arredor do mundo, o fenómeno das vivendas de uso turístico disparouse. E, con el, a presión sobre os barrios, o prezo dos alugueres, a incerteza dos residentes e a necesidade urxente dun regulamento sobre as vivendas de uso turístico (VUT). A discusión, moitas veces, expose en termos binarios: ou turismo ou dereito á vivenda. Pero non ten por que ser así.

Pleno do Concello de Santiago no que se votou a ordenanza das VUT
Pleno do Concello de Santiago no que se votou a ordenanza das VUT | Fonte: Arquivo

Pode haber turismo --sustentable e de calidade-- se se xestiona ben. A clave está no equilibrio, e, para iso, fai falta algo que aínda escasea: planificación. Fronte a discursos extremos --prohibir todo ou permitilo todo--, xorden voces expertas que reclaman cordura e xestión. Unha delas é a de Carlos Alberto Rivas Iglesias, profesor da facultade de Turismo da Universidade da Coruña (UDC), que coñece de preto os efectos deste fenómeno tanto sobre o sector como sobre a poboación local. "O turismo non pode converterse nun problema para quen vive aquí", resume. E, a partir de aí, desprega unha análise técnica, mesurada e clara sobre que está fallando e como se pode corrixir.

UN CRECEMENTO IMPARABLE... AGÁS ONDE SE REGULA

Os datos que manexa Carlos Rivas son oficiais e públicos: entre xullo de 2023 e xullo de 2025, as vivendas de uso turístico aumentaron en Galicia un 41,76 %, e as prazas dispoñibles, un 42,65 %. Pero o ritmo de crecemento non é igual en todos os lugares, pois nalgúns foron xurdindo ordenanzas municipais que as regulamentaron. Na Coruña --onde se aprobou a regulamentación pero se deu un prazo que aínda está en vigor para que as vivendas se adaptasen á normativa--, o crecemento do número de vivendas turísticas nese período foi do 46,9 % cun crecemento semellante en número de prazas. O profesor da UDC considera que "probablemente ese incremento tería sido maior se non fose porque xa se estaba traballando cunha ordenanza que anunciaba a súa limitación, o que fixo que moitos propietarios que puidesen estar pensando na posibilidade de destinar as súas vivendas ao uso turístico, se contivesen".

En Vigo --que non puxo enriba da mesa a necesidade de contar cunha regulamentación ata fai ben pouco--, o incremento de vivendas de uso turístico foi "tremendo": dun espectacular 101 % en número de VUT e dun 118 % en prazas neses dous anos, de xullo de 2023 a xullo de 2025. E asegura que tamén se dá outro fenómeno na cidade olívica: moitos propietarios aceleraron as altas das súas vivendas antes de que entre en vigor a ordenanza municipal, buscando asegurarse a explotación turística das súas vivendas. Sen embargo, en Santiago --a cidade que antes aplicou medidas restritivas, cunha regulamentación estrita--, o número de vivendas descendeu un 10,59 % e as prazas un 9,34 %. "Santiago foi a primeira cidade en actuar e iso nótase: onde hai normativa, hai contención", explica Rivas. Tamén cómpre sinalar como curiosidade o caso de Sanxenxo, a vila turística por excelencia en Galicia: neste período as VUT creceron só un 25 %. O profesor sinala que "probablemente xa estaban a maioría dadas de alta, porque Sanxenxo ten moita tradición de aluguer vacacional, que non é o mesmo que o turístico".

Cartel de Vivenda de Uso Turístico (VUT)
Cartel de Vivenda de Uso Turístico (VUT) | Fonte: Europa Press - Arquivo

A TURISMOFOBIA NON NACE SOA

Dende a súa perspectiva, o termo 'turismofobia' usouse mal e en exceso. "Se alguén que vive nunha cidade rexeita o turismo, algo non estamos a facer ben", subraia. "O turismo é a principal industria deste país, deixa moitos cartos e, ademais, non ten chemineas --ironiza, referíndose a que non ten impactos contaminantes sobre o medio ambiente como si poden ter outros sectores económicos--, polo que non debería ser un problema". Por iso, o profesor da UDC insiste en que o primeiro que hai que protexer é ao residente. Se quen vive nunha comunidade xa non coñece aos seus veciños, se cada día entra e sae xente distinta pola porta, se non hai control sobre o que acontece dentro do edificio, a incomodidade é inevitable. "Unha vivenda turística non pode ser una excusa para substituír o uso residencial en zonas habitadas", advirte Rivas. E engade: "Non se trata de prohibir, trátase de regulamentar ben, como xa se está facendo en moitas cidades europeas".

O TURISMO NON PODE FUNCIONAR Á MARXE DA LEI

Carlos Rivas amósase claro: as vivendas de uso turístico non son economía colaborativa, senón negocios. "Ao igual que non podes abrir un bar no terceiro piso dun edificio, non tería lóxica puideses explotar unha vivenda turística sen ningún tipo de regras nese terceiro piso", resume. E introduce unha precisión que resulta clave na problemática: "A regulamentación debe ser a mesma que para calquera outro establecemento". Deste xeito, "non pode haber competencia desleal entre vivendas de uso turístico e hoteis, pensións ou apartamentos turísticos", polo que, "se non se rexen todos pola mesma regulamentación, o que se está facendo é permitir que haxa espazos que esquiven as esixencias legais". Por iso, incide na necesidade de esixir inspeccións, controis sanitarios, condicións laborais... Porque se non se regulamentan ao mesmo nivel as vivendas turísticas, xérase unha competencia inxusta que pode provocar paradoxas: no canto de montar un hotel, podería saír máis rendible mercar todos os pisos dun edificio para destinalos a VUT.

NIN DEMONIZAR, NIN PERMITIR SEN LÍMITES

O profesor da UDC evita posturas radicais. Non quere demonizar as vivendas turísticas, porque entende que respostan a unha demanda real e que aportan valor ao sector. "O problema é que moitas veces improvísase e lexíslase despois do problema, non antes", expón. Pero, como di, "xa estamos vendo o que pasou noutras cidades, e podemos adiantarnos antes de que o problema se volva inasumible". E pon exemplos: en Mallorca, a situación volveuse insustentable, con sanitarios que non atopaban vivenda en Palma e víanse obrigados a vivir a cen quilómetros do traballo. "Non digo que ese sexa o caso que temos en Galicia, pero claramente o fenómeno contribúe a encarecer a vivenda e a reducir o parque de aluguer convencional", resalta. Con todo, considera que "estas regulamentacións incipientes tenderán a volverse máis estritas co paso do tempo".

UNHA NOVA MANEIRA DE COMPETIR

Fronte á preocupación de que as vivendas de uso turístico estean desprazando aos hoteis e outro tipo de establecementos turísticos convencionais, o profesor matiza: non é o gran hotel o que máis sofre coa proliferación destas vivendas, senón os pequenos aloxamentos e os apartamentos tradicionais. "O cliente de hotel busca comodidade, servizos, alguén que lle faga a cama pola mañá... O dunha vivenda turística é outro perfil de cliente, máis familiar, máis autosuficiente...", apunta. Por iso, considera que a maior competencia das VUT podería ser para os apartamentos turísticos e pequenos establecementos, non para os grandes hoteis. Pero engade: "O que non pode ser é que compitan entre si ambos establecementos sen as mesmas regras de xogo". Por iso, insiste en que a regulamentación non é unha traba, senón unha garantía. "É a maneira de evitar conflitos, de asegurar a convivencia, de coidar ao residente e ao turista; porque, se o turismo molesta, é que algo estamos a facer mal", conclúe.

Piso turístico
Piso turístico | Fonte: ARVUTUR - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta