A historia de Lola e Leti en redes: unha avoa, unha neta e moitos contos

Leti a do Chinto é unha historiadora de Porto do Son que comparte vídeos sobre a cultura, a historia e a tradición de Galicia. Unha fonte moi importante nos seus vídeos, que xa ten conquistados aos seus “followers”, é a súa avoa, Lola.

Por Claudia Varela Lourido | PORTO DO SON | 27/07/2025 | Actualizada ás 22:03

Comparte esta noticia

Leti a do Chinto é historiadora e creadora de contido, e actualmente está afincada en Santiago de Compostela, mais é natural de Porto do Son. Desde hai uns meses comezou a crear contido nas súas contas de Tiktok e Instagram (@letiadochinto) principalmente enfocado a compartir tradicións, eventos históricos e curiosidades de Galicia. Nun dos seus primeiros vídeos aparece unha persoa moi importante na creación do seu contido: a súa avoa, Lola.

Foto antiga de Leti e Lola
Foto antiga de Leti e Lola | Fonte: Cedida

Lembra Leti que comezou a crear contido o ano pasado, cando comezou o mestrado. Todo o que foi aprendendo durante o curso abriulle a mente para compartilo: "O meu primeiro vídeo subino en decembro. Era un vídeo no que falaba dos mártires de cans. Este tema sempre estivo moi presente na miña aldea, pero todos me dicían 'diso non se fala'. E resultou que si que había que falar".

A raíz dese vídeo, alcanzou bastante popularidade en redes, polo que non tardou moito tempo en preparar un vídeo coa súa avoa. Xogos populares, cantos e refráns son os protagonistas dos vídeos nos que sae Lola. "Tiñamos na casa eses xogos, pero xusto ao do aro non sabiamos xogar. A miña avoa non tiña aro pero os seus irmáns si, e o meu avó si sabía xogar con el. A raíz de gravar o vídeo empezamos a xogar todos. Foi un momento moi bonito".

Leti sempre tivo certo interese en gravar aos seus avós. Desde que comezou o grao, colleu o costume de facerlles "mini entrevistas" co pretexto de que era "para a uni". Hoxe, grazas a eses vídeos, ten unha chea de lembranzas dos seus avós que garda no corazón. Sempre se centrou máis en falar co seu avó, porque era mariñeiro e viaxou moito, mais desde que comezou a subir vídeos ás redes coa avoa Lola, Leti foi aprendendo moitísimas cousas da súa contorna que comparte cos seus seguidores.

De feito, nun dos seus vídeos con Lola, co gallo das Letras Galegas 2025 —adicadas ás cantareiras—, ambas contan unha historia moi curiosa sobre a súa infancia. Lola sempre cantou moi ben e un día súa nai díxolle que picara un pouco de leña. Mentres traballaba, ía collendo cachos de cancións e facendo un popurrí con elas. Uns días despois, unha veciña súa contáballe unha conversa que tivera con dous homes da aldea:

Leti e Lola
Leti e Lola | Fonte: Cedida

- Carmen, pero onde tiñas a radio? Eu nunca collín cachos de cancións tan bonitas!

- Eu non a puxen!

- Era na túa casa, que nos desde as leiras oiamos a radio.

- Ay! Érache Lola a de Isolina, que lle estaba cortando as hachas á nai.

Lola sempre cantou mentres traballaba. E aínda hoxe segue cantando. Dedicouse sempre á casa e, de maneira estacional, traballou nunha fábrica. Os seus recordos e tradicións son agora os fíos vehiculares de moitos dos vídeos de Leti: "Os vídeos son unha forma de crear recordos, e como ela está encantada pois seguiremos gravando todo o tempo que queira". A información que Leti comparte en moitos dos seus vídeos, apareza ou non a súa avoa, procede da sabedoría popular que posúe a súa familia. Deste xeito, Lola converteuse, sen sabelo, nunha fonte oral indispensable para Leti. Un bo exemplo é o vídeo das herbas de San Xoan, un dos máis populares. 

Conta Leti cun sorriso na cara que, para gravar a introdución do vídeo, despois de que ela dixera o seguinte: "Como? Abuela, que din que non saben preparar a auga de San Xoán", Lola tiña que dicir tres palabras: "Boh, vinde aquí", pero polos nervios do directo non lle saía esa expresión. Despois de cinco tomas, conseguiu dicir unha frase semellante: "Boh, máis sinxelo imposible", que non era unha expresión moi súa, pero ao final quedou así. Di Leti que o mellor de gravar ese vídeo foi o momento de ver todas as tomas falsas: "Miña nai, miña avoa e mais eu escarallamos da risa vendo os vídeos".

Aquela nena que medrou ao carón da casa da avoa, agora segue vendo nela un claro referente. "A miña avoa crioume", afirma Leti con contundencia. Leti e Lola sempre tiveron unha relación moi próxima. De pequena, era Lola a que entretiña e coidaba de Leti. Hoxe, grazas aos momentos que pasan gravando e vendo os vídeos, continúan fomentando ese vínculo tan característico delas. Dúas mulleres que, a través das redes sociais, conseguiron que moitas persoas se sentisen identificadas co que contaban. Porque só fai falta un móbil para compartir o cariño dunha avoa e dunha neta que narran a tradición a través da súa propia historia.

Leti e Lola
Leti e Lola | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta