Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2025 | Actualizada ás 16:46
O proxecto piloto da plataforma galega de mobilidade 4.0 MoBT, que permite pagar en autobuses co teléfono móbil, na actualidade operativa en diversas rutas da área de Santiago e do Deza, ampliarase en setembro ata un total de 26 municipios ao incliuir Pontevedra, O Salnés e O Morrazo. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou este xoves a estación de autobuses de Lalín, un dos concellos nos que xa funciona o sistema. A iniciativa permite o pago no autobús a través do teléfono móbil, sen a necesidade de acudir a unha oficina bancaria, de dispor dun cartón e de recargar no caixeiro.
A plataforma está implantada desde xullo en diversas rutas das áreas de Compostela e do Deza, que pasan polos concellos de: Agolada, Antas de Ulla, Arzúa, Boqueixón, Dozón, Lalín, Monterroso, O Pino, Santiago de Compostela, Silleda, Touro e Vila de Cruces, así como na Liña Conecta que une as cidades da Coruña e Lugo. Segundo anunciou o conselleiro, a previsión é ampliar en setembro o proxecto piloto ás áreas de: Pontevedra, O Salnés e O Morrazo. A listaxe de concellos con MoBT aumentará así ata 26 ao sumar: Bueu, Cangas, O Grove, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Sanxenxo, Vigo e Vilaboa.
Ademais, en setembro esténdese tamén a solución MoBT Xente Nova, destinada ás persoas menores de 21 anos beneficiarias da Tarxeta Xente Nova, que só necesitarán rexistrarse na aplicación para gozar das 60 viaxes gratuítos ao mes. Deste xeito, a medida estará operativa para este colectivo nos 127 contratos de transporte regular de viaxeiros por estrada que conforman a rede de transporte público titularidade da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.