A UPG insiste na "independencia nacional da Galiza" no 50 aniversario da asasinato de Moncho Reboiras

O Movemento Arredista e Isca! lembran "a figura revolucionaria galega" do activista asasinado en 1975 pola Policía franquista.

Por Galicia Confidencial | FERROL | 11/08/2025 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O 12 de agosto de cada ano a Unión do Povo Galego (UPG) conmemora o aniversario do asasinato en 1975 do seu militante Xosé Ramón Reboiras Noia por disparos da Policía franquista nun portal da Rúa da Terra, en Ferrol. Aproveitando o 50 aniversario deste asasinato, a UPG, o partido maioritario do BNG, insiste en reclamar a "independencia nacional da Galiza".

Fotografía de Moncho Reboiras
Fotografía de Moncho Reboiras | Fonte: Fundación Moncho Reboiras

Nun comunicado, esta formación lembra que "a encarnizada persecución á que foron sometidos os militantes da UPG e o asasinato do seu dirixente, Moncho Reboiras, teñen causa na firmeza coa que afrontaron a loita por unha Galiza soberana e socialista e, particularmente, no empeño permanente por dotar o povo galego de forzas propias en todos os ámbitos, sen dependencias alleas, como a única maneira de garantir ás clases traballadoras da Galiza un futuro que o estado español e os intereses dos seus poderes económico-políticos lle negaban e lle continúan a negar". Para investigar máis acerca da figura de Moncho Reboiras, a UPG habilitou un enderezo na súa web que permite indagar, así como unha ligazón na páxina web da Fundación Terra e Tempo na que tamén se pode afondar na figura de Moncho Reboiras.

Moncho Reboiras tiña 25 anos cando a vida lle foi arrebatada polo terror fascista, mais desde os 19 anos en que ingresou na UPG desenvolveu "un labor esencial na loita política, no combate ideolóxico, na axitación e, especialmente na autoorganización do povo galego: no campo cultural, participando activamente e impulsando a fundación da Frente Cultural Galega, no seu papel na fundación da Asociación Cultural O Castro, así como na actividade na Asociación Cultural de Vigo", tal e como destaca a Unión do Povo Galego.

Reboiras foi operario nos estaleiros de Barreras, en Cerámicas Álvarez, máis tarde en Astano e despois en Intelsa, na Coruña, foi peza fundamental na constitución do Sindicato Obreiro Galego, antecedente do hoxe vizoso sindicalismo nacionalista de clase que representa a CIG. "Este ano, cando se cumpren 50 anos do seu asasinato, os camaradas e as camaradas do Partido ao que Reboiras entregou xenerosamente o seu firme e activo compromiso militante, recollemos o seu exemplo e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada entregou a súa vida", afirma a UPG.

A UPG convoca unha concentración en Ferrol, na Praza de Armas ás 19:00h, cunha saída cara a rúa da Terra (lugar onde foi asasinado Moncho Reboiras), unha ofrenda floral e a posterior intervención de Pilar Lozano, responsábel comarcal do BNG. Posteriormente, ás 19:30, levaranse a cabo varias intervencións políticas no Cantón: Sábela Méndez do Secretariado Nacional da UMG, Francisco Rodríguez do Secretariado Político da UPG e Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG e deputado do BNG no Congreso.

HOMENAXE DO MOVEMENTO ARREDISTA E ISCA! EN VIGO

 

O Movemento Arredista e Isca! organizan na cidade de Vigo unha homenaxe nacional a Moncho Reboiras. Desde o Movemento Arredista e a organización xuvenil Isca!, como cada 12 de agosto, lembran "a figura revolucionaria galega no ano en que se cumpren 50 anos do seu asasinato a mans da policía franquista", tal e como recollen nun comunicado.

 

O Movemento Arredista revindica que os valores que representa Reboiras son hoxe máis necesarios que nunca, pois son os que alicerzan calquera proceso de transformación social. Nesta xornada de homenaxe estas organizacións seguirán "a reivindicar o exemplo de quen entregou a súa vida, até as últimas consecuencias, á causa colectiva que soñaba e pola que loitaba: construir unha Galiza independente e socialista.".

 

A escolla da cidade de Vigo para a homenaxe está motivada polas lembranzas da infancia de Reboiras nesta cidade, concretamente entre o barrio de Teis, a escola de Enxeñaría e os estaleiros de Barreras, onde tamén dedicaron un mural preto da casa en que viviu. O acto comezará ás 19:00h na Rúa Torrecedeira, diante da biblioteca de Peritos, contará con tres intervencións: a de Álvaro Lamas, militante do Movemento Arredista; a de Alexandra Vázquez, militante de isca! e a intervención de Élia Lago en nome da Mesa Nacional do Movemento Arredista. O acto será dinamizado coa actuación musical de Pauliña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario (1 pend. aprobación)