Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/08/2025 | Actualizada ás 14:13
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu este luns en que a día de hoxe, "sen unha planificación temporal e sen os recursos económicos suficientes", o Goberno galego "non ten capacidade para acoller máis menores migrantes. Así o sinalou tras ser preguntado esta mañá nun acto en Cangas sobre o inicio da repartición entre distintas comunidades dos menores que chegaron a Canarias nas últimas semanas.
Respecto diso, dixo que o Executivo autonómico non recibiu ningunha notificación oficial sobre o comezo desta repartición, entendendo que os primeiros menores que partan das illas non irán parar a Galicia.
Rueda aproveitou para cargar novamente contra o Goberno central, que pretende "sacarse un problema de encima" cunha repartición que "non é obxectivo", debido a que comunidades como Cataluña, "que sostén politicamente" ao Goberno, non recibirá a ningún menor, "porque non quere acoller a ningún".
Con todo, criticou que non se tivo en conta a opinión doutras rexións, subliñado que Galicia a día de hoxe "non ten capacidade" para acoller a máis de 300 persoas, "máis dos que na actualidade" xa están aloxados.
"Sempre dixemos que queriamos colaborar, pero facelo de forma planificada", destacou, explicando os motivos polos que se interpuxo un recurso contra o decreto do Goberno. "Non quere dicir que non queiramos atender a estes menores, quere dicir que o queremos facer de forma planificada e nun número que podamos atender como xa o estamos facendo", apostilou, sen querer entrar a valorar as decisións tomadas por outras comunidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.