Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/08/2025 | Actualizada ás 14:17
O viceportavoz do BNG no Parlamento, Luís Bará, demandou "con urxencia" á Xunta que elabore unha copia de seguridade de toda a documentacion que teña que ver coa Sociedade Impulsa e Altri e trasládea ao Parlamento e ao Consello de Contas.
Nunha rolda de prensa celebrada este luns, Bará chamou a atención sobre a situación do encoro de Portodemouros, que é "incompatible" coa previsión de concesión dunha autorización de captación e verteduras de augas do Río Ulla, por Augas de Galicia a Altri.
Bará alertou da "baixada do nivel de auga do encoro", que se atopa no 39%, cando o ano pasado, nesta mesma altura do ano, era do 52%, e a media, nos últimos anos, foi do 71%. Isto, apuntou, débese "á seca, e ao aumento do turbinado hidroeléctrico por parte de Naturgy".
Neste contexto, sinalou que neste escenario de "secas recorrentes é absolutamente incompatible a concesión de 46 millóns de litros ao día e de vertedura de 30 millóns de litros de augas por parte de Augas de Galicia a Altri".
O BNG lembrou que o Plan Hidrolóxico Galicia-Costa establece unha orde de prioridades no uso da auga no que o consumo industrial, como o de Altri, "ocupa o último lugar", por detrás do abastecemento humano, usos agrícolas, gandeiros, ambientais e enerxéticos xa existentes.
Ademais, o BNG reiterou as súas acusacións de "opacidade" entre a Xunta e Altri, lembrando a existencia dun "memorándum de entendemento secreto" asinado o 1 de outubro de 2021 entre a Sociedade Impulsa e a empresa, cuxa documentación foi solicitada en "tres ocasiones". O partido advertiu de que é algo "completamente grave, que podería dar lugar a responsabilidades, no ámbito xudicial".
"BORRADO DE DISCOS DUROS"
Tamén, Bará comparou as similitudes que existen entre a xestión que fixo a Xunta en relación ao acordo de 2021 co "método que se está coñecendo do señor Montoro", que implica "cambiar leis e cesar e nomear cargos públicos a medida de intereses privados".
Así mesmo, o BNG considerou que o anuncio de disolución da Sociedade Impulsa "confirma todas as denuncias e todas as sospeitas" sobre a existencia dun documento coas "condicións secretas" de Altri para a tramitación do proxecto.
Con todo, o BNG anunciou que vai reclamar no Parlamento o acceso a toda a documentación da Sociedade Impulsa en relación a Altri porque, destacou, "no BNG teñen claro que hai unha operación de borrado de discos duros para facer desaparecer todas as probas que poden ser comprometedoras dunha actuación irregular e ilegal por parte do Goberno galego".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.