Por Galicia Confidencial | Ourense | 10/09/2025 | Actualizada ás 07:58
O primeiro programa da nova tempada de 'La Revuelta' de TVE quixo lembrar os terribles incendios deste verán, sobretodo na provincia de Ourense, e tivo como convidados a 4 traballadores da BRIF de Laza.
Falaron do seu día a día na loita contra os lumes, reivindicaron melloras laborais e máis atención ao rural e lembraron momentos moi complicados na vaga de incendios deste verán. Concretamente contaron a épica de ter que protexer a un campamento duns 150 nenos/as e 30 monitores/as que estaban na Estación de Montaña de Manzaneda e con todos os accesos pechados para poder fuxir. Desbotada a evacuación tiveron que frear as chamas todo o arredor das instalacións.
David Broncano agradeceu o seu traballo, púxose un uniforme de protección que levan as BRIF como detalle simbólico de visibiliación ata acabar o programa, e recolleu como agasallos unha cesta de produtos de Laza e a bandeira que representa a este corpo de bombeiros e que ten a unha formiga como protagonista.
As BRIF (Brigadas de Reforzo de Incendios Forestais) son un corpo de bombeiros de élite que son transportados/as por helicóptero a lugares estratéxicos para a extinción de lumes como unidade de apoio ás Comunidades Autónomas e dependen do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.