Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2025 | Actualizada ás 10:56
O Servizo Marítimo Provincial (SMP) da Garda Civil da Coruña incautou en Lorbé, Oleiros, un total de 104 quilos de polbo que estaban a ser trasladados desde unha embarcación pesqueira a un camión sen seren previamente pesados na lonxa, tal e como establece a normativa.
Segundo informou o Instituto Armado, os feitos tiveron lugar cando unha patrulla realizaba un servizo de vixilancia marítima na zona. Nese momento, os axentes observaron como se descargaban cinco capazos de plástico negro desde o barco ata o vehículo estacionado.
Ao proceder á inspección, comprobaron que os recipientes contiñan polbos, algúns deles con peso por baixo do mínimo legal. O total acadou os 104 quilos, polo que se confeccionou a correspondente acta-denuncia por presunta infracción da Lei 11/2008 de pesca de Galicia.
A Garda Civil confirmou que os exemplares comisados foron entregados ao Banco de Alimentos Rías Altas, entidade que se encargará da súa distribución con fins sociais.
Coa actuación, o corpo lembra a importancia de garantir o cumprimento da normativa pesqueira para protexer os recursos mariños e evitar a comercialización de capturas que non pasen polos controis oficiais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.