Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2025 | Actualizada ás 11:02
A Consellería de Sanidade pon en marcha este luns, 29 de setembro, a nova campaña de vacinación contra a gripe e a Covid-19, que se prolongará ata o 31 de decembro e que introduce varias novidades respecto a edicións anteriores.
A vacina contra a gripe ampliarase este ano aos nenos de ata 11 anos, que recibirán a dose por vía intranasal. A vacinación infantil arrincará o 13 de outubro nos centros de saúde e, en paralelo, porase en marcha un programa piloto de vacinación escolar nalgúns colexios, destinado ao alumnado nacido desde 2014 ata os 24 meses.
En canto á poboación maior, a Xunta decidiu estender a vacina antigripal de alta carga ao grupo de idade comprendido entre os 70 e os 79 anos. Pola súa parte, as persoas de máis de 80 anos, residentes en centros sociosanitarios e inmunodeprimidos continuarán recibindo as doses reforzadas como ata agora.
A diferenza doutros anos, nesta ocasión non se habilitarán grandes recintos de vacinación, pois segundo Sanidade "foron unha estratexia nun momento excepcional" como a pandemia. A administración das vacinas farase exclusivamente nos centros de saúde, que serán os puntos de referencia da campaña.
As persoas maiores de 60 anos e os nenos de seis meses a 11 anos (agás os que participen no programa piloto) recibirán a súa cita mediante SMS. Pola súa parte, outros grupos de risco como embarazadas, persoal sanitario ou persoas inmunodeprimidas poderán pedir cita a través da aplicación do Sergas.
A pauta manterase cunha dose contra a gripe e outra contra a Covid-19, que poderán administrarse simultaneamente en zonas diferentes do corpo.
Sanidade fixouse como meta acadar o 75% de cobertura en maiores de 60 anos e en persoal sanitario e o 60% en poboación infantil. Por primeira vez, as vacinas adquiríronse mediante a fórmula de risco compartido, que vincula o prezo das doses de alta carga aos resultados en saúde, nomeadamente á redución de ingresos hospitalarios por gripe.
No ano pasado, Galicia acadou un 71% de vacinación en maiores de 65 anos (fronte ao 58,4% da media estatal) e un 65,7% en nenos (48,1% na media española). A Consellería tamén anunciou unha enquisa ao persoal sanitario para coñecer as razóns da súa menor participación na vacinación e tratar de mellorala.
Ademais, a partir do 22 de outubro, iniciarase nos hospitais galegos a vacinación contra o virus respiratorio sincitial (VRS), principal causante da bronquiolite. Será administrada directamente a todos os bebés que nazan desde esa data ata marzo e tamén aos menores de seis meses, co obxectivo de reducir hospitalizacións por infeccións respiratorias nesta franxa de idade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.