A Xunta volve defender a súa xestión nos incendios mentres a oposición esixe "solucións inmediatas"

A deputada Montserrat Valcárcel (BNG) asegurou que "non é sustentable que con máis medios que nunca a resposta sexa máis lenta, máis descoordinada e máis perigosa para quen defende o noso monte".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2025 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, defendeu a xestión da Xunta na vaga de incendios rexistrada este verán fronte ás críticas de BNG e PSdeG que esixiron "solucións inmediatas". "En plena onda, estivemos ao que estivemos, defender lumes", asegurou na Comisión 7.ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento galego e en resposta a senllas preguntas de socialistas e nacionalistas.

Así, insistiu no que compete á súa Dirección Xeral en que se están cumprindo as recomendacións "do que temos que facer", mentres remarcou que as competencias non son exclusivas da Xunta, aludindo tamén ás que recaen na Deputación ou os concellos, a través das brigadas municipais. Tamén rexeitou os reproches da oposición á actuación ante os incendios forestais, á vez que defendeu os tempos de resposta, ao cuestionarse que se cumpra o fixado a este respecto. Foi en resposta a senllas preguntas expostas sobre a política de prevención e defensa contra os incendios forestais, por socialistas, así como o nivel de eficacia do dispositivo de extinción e as melloras que prevé introducir a Xunta, dos nacionalistas.

A deputada Montserrat Valcárcel (BNG) asegurou que a cidadanía pide "respostas reais e solucións inmediatas" tras a vaga de incendios de agosto. "A peor", sentenciou para asegurar que "non é sustentable que con máis medios que nunca a resposta sexa máis lenta, máis descoordinada e máis perigosa para quen defende o noso monte". "Incumprimentos da Xunta, queren manter un modelo forestal que demostrou limitacións", apostando por "un modelo sen prevención, o plan forestal aínda non está operativo", sentenciou a parlamentaria socialista Carmen Dacosta, que demandou unha "folla de ruta" e consenso.

PRAGAS

Nesta mesma Comisión, compareceu o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, quen fixo balance das actuacións da Xunta fronte ás pragas que afectan o ámbito rural, tanto pola presenza da rata topo ou por outras que repercuten en especies árboreas ou os viñedos, facendo alusión aos investimentos realizados. En concreto, dixo que a Conselllería destinou máis de 21 millóns a sanidade vexetal entre 2022 e 2026. "Están a condenar a subsistir en base ás indemnizacións", aseverou a deputada socialista Lara Méndez, quen situou a comparecencia neste punto nun "autobombo" e reclamou políticas de prevención "e non só paliativas".

"É obrigación da Administración previr, controlar e indemnizar", lembrou a deputada nacionalista Sonia Vidal, que acusou á Xunta de "desatender" estas obrigacións e de promover privatización a través dos seguros agrarios. Fronte a iso, o parlamentario do PPdeG Miguel Ángel Viso (PP) reivindicou o traballo da Xunta. "Falouse de investimentos en cada unha das liñas de traballo", defendeu nunha comparecencia na que se fixo tamén balance dos seguros agrarios, sendo a maioría vinculados á produción animal. "Mentres o sector gandeiro conta con alto nivel de aseguramento, o agrícola desde o noso punto de vista está máis infraasegurado", sentenciou Balseiros, quen asegurou, non entanto, que este ano se está incrementando a superficie a asegurar.

Dous veciños colaboran na extinción do lume, nas proximidades do Bolo, en Ourense
Dous veciños colaboran na extinción do lume, nas proximidades do Bolo, en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta