Por Europa Press / Redacción | MADRID | 10/10/2025 | Actualizada ás 18:11
Sumar formalizou este venres a súa denuncia contra Ryanair, Vueling, EasyJet e Iberia ante a Axencia Estatal de Seguridade Aérea por subir os prezos dos voos entre Galicia e Madrid durante os incendios deste verán. O deputado do grupo plurinacional no Congreso Manuel Lago xa avanzou en setembro, durante o debate dunha iniciativa no Congreso sobre o transporte ferroviario en Galicia, que presentarían esta denuncia, que se formalizou un mes despois ante a Axencia que está adscrita ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable.
O grupo confederal denuncia que a situación de emerxencia causada polos lumes o pasado agosto obrigou a miles de usuarios a recorrer ao avión como única alternativa de mobilidade entre Galicia e outras rexións. Nese contexto, di o grupo, aplicáronse tarifas que superaban ata en cinco veces o custo habitual dos voos. "Esta práctica produciuse sen información clara, previa nin xustificada, e nun momento de forza maior, o que coloca aos consumidores nunha posición de vulnerabilidade extrema que esixe unha resposta institucional", denuncia a coalición de partidos.
QUE AESA INTERVEÑA
Neste escenario, Sumar quere que a Axencia Estatal de Seguridade Aérea interveña e verifique o carácter "abusivo e desproporcionado" das tarifas e o incumprimento da transparencia e información. Así mesmo, o grupo busca que a axencia declare a existencia de infraccións da normativa de defensa dos consumidores e usuarios, da Lei de Navegación Aérea, da Lei de Defensa da Competencia e da normativa europea. Por último, Sumar quere que recaian sancións sobre as aerolíneas e se adopten medidas correctoras e preventivas, entre elas, a compensación ou reembolso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.