Temas: IGADI GALEGUISMO

25 anos do IGADI

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional celebra este aniversario cun especial na revista 'Tempo exterior'.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 21/07/2016 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, cumprirá o vindeiro 10 de setembro 25 anos de actividade dedicada á investigación dos acontecementos internacionais e a activación de estratexias que favorezan unha maior proxección de Galicia no mundo en tódolos dominios. Co gallo deste aniversario, a organización fai balance destes anos na revista Tempo exterior, dirixida por Xulio Ríos, no seu Nº 32.

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional edita a revista 'Tempo Exterior'
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional edita a revista 'Tempo Exterior' | Fonte: IGADI.

Tempo exterior ofrece unha escolma de temas e de autores que, dende os seus respectivos campos de análise e de investigación, reflexionan sobre diversas tendencias, conflitos e temáticas tanto da actualidade internacional como da acción exterior de Galicia. Baixo esta perspectiva, o IGADI pretende facer un balance da súa andaina e do seu labor durante este cuarto de século de existencia, o cal coincidiu con cambios e transformacións históricas de gran calado para a política internacional e da acción exterior. Polo tanto, este número especial expresa a vontade do IGADI de contar con análises de colaboradores que teñen acadado un determinado percorrido dentro desta institución.

CONTIDOS

A proxección exterior de Galicia e as súas temáticas estratéxicas teñen unha presenza específica neste número. Aparecen así unha reflexión sobre a reivindicación do actor rexional dentro do contexto internacional (artigo de Argimiro Rojo) así como as repercusións que para Galicia teñen a pesca ilegal en augas extracomunitarias, un tema sensible para a economía galega (Carlos Teijo). Remata este apartado cunha análise do modelo de gobernanza transfronteiriza a través da Eurocidade Chaves-Verín (Pablo M. Rivera Búa).

Este número conta ademais coas reflexións de colaboradores, algúns deles frecuentes e outros que comezan a se incorporar ao IGADI. O proceso electoral en Marrocos (David Alvarado), a crise de Venezuela (Roberto Mansilla), a situación do emprego en China (Marola Padín), o Tratado sobre o Comercio de Armas (Alberto Estévez) e un balance das mudanzas políticas en Polonia (Briaxis Fernández) recóllense no índice. Péchase esta sección de artigos cun balance dos 25 anos do IGADI realizado polo seu director Xulio Ríos.

I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, organizado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional
I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, organizado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional | Fonte: IGADI.

Esta edición especial de Tempo exterior finaliza cun inventario que sintetiza as 25 ideas, tarefas e iniciativas principais que sinalan a razón de ser do IGADI como institución ao servizo da sociedade e de Galicia. Neste apartado, publícanse igualmente os testemuños dalgúns estudantes de prácticas que pasaron nestes anos polo IGADI, provenientes de países como Irlanda, Xapón, Polonia, Brasil, Austria e España, informa o IGADI.

Temas: IGADI GALEGUISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta