A canción galega máis conmovedora

Son dous minutos e dez segundos dunha viaxe no tempo. Foi gravada no ano 1952, pero ten un sabor ancestral que leva a tempos máis remotos e a un retrato sonoro do noso pasado.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 03/08/2016

Comparte esta noticia

Era no inverno de 1952 cando o etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax se presentou en Galicia acompañado por unha axudante, a británica Jeanette Bell. Nesa época de Franco a Garda Civil seguía os pasos desta parella que cun estraño aparato se dedicaba a percorrer aldeas, vilas e cidades procurando cantares. En concreto, hai constancia do seu paso por A Cañiza, A Coruña, Avión, Corcubión, Fisterra, O Hío, Pontevedra, Ribadavia, Solveira e Soutoxuste. O que alí encontraron foron tesouros que distan de estar suficientemente coñecidos e valorados.

Atoparon, por exemplo, a un afiador e capador de porcos ourensán chamado José María Rodríguez que tocaba cun chifre unha peza titulada "Alborada de Vigo". Anos máis tarde, o astro do jazz Miles Davis debeu escoitar en primicia a gravación que fixo Lomax e baseándose nela compuxo unha pista para o seu disco Sketches Of Spain de 1960 titulada "The Pan Piper". É probable que a moitas persoas galegas se lles poña a pel de galiña cando marquen o seguinte en YouTube: "Miles Davis Pan Piper Montreux 1991". Alí verán con asombro como Davis, acompañado nada menos que por Gil Evans e Carles Benavent e dirixido por Quincy Jones, interpreta nos tres primeiros minutos do vídeo o que é en esencia música galega.

Alan Lomax recolleu mostras do canto da xente máis humilde e sen preparación musical. Outro vídeo en YouTube mostra a solemnidade coa cal José María Rodríguez alude a Carballiño e a Ribadavia no tema "O cantar do arrieiro".

Hai que mencionar que Lomax, pioneiro promotor de cantantes de blues como Muddy Waters e Leadbelly, fixo investigacións musicais por todo o mundo, chegando a sentirse coma un provinciano ó ver a amplitude de cantos e de culturas que se abría diante del. Soamente en España realizou tres mil gravacións e sacou centos de fotos. Nunha interesante entrevista en vídeo que lle fixo Charles Kuralt en 1991 fala dos seus novidosos descubrimentos. Afirma por exemplo que os pigmeos mbuti de Zaire fan unha das músicas máis fermosas do mundo e  que eles non saben cantar sen contrapunto e sen polifonía. Tamén fala do mundo do rock. Nel, é moi probable que Bob Dylan, Bruce Springsteen, os Rolling Stones e os Black Keys se inspirasen nas súas recompilacións e en particular nos cantos de presos.

Na entrevista, Lomax menciona que a arte é o centro do progreso humano, e que el se considera un cidadán do mundo que loita por unha equidade cultural que proporcione a tódolos seres humanos o dereito á dignidade, á liberdade de expresión,  ao movemento, a vivir, a traballar e á procura da felicidade.

Pero volvamos a Galicia. Naquel inverno de 1952 Alan e Jeanette pasaron frío e viron de cerca a pobreza dos máis humildes. Intrigan os lugares que visitou, aos que algunha fonte engade os nomes de Luintra (Nogueira de Ramuín) e Faramontaos (A Merca), os dous na provincia de Ourense. Talvez poida alguén experto en documentais visitar estes puntos da xeografía galega buscando algunha testemuña viva que se acorde daquela parella de investigadores da nosa cultura. Tamén habería que revisar todo o referente á nosa terra nos arquivos de Lomax, que se gardan na Biblioteca do Congreso en Washington.

Queda por revelar cal é o nome da canción que é para min a máis conmovedora do cancioneiro galego. Preguntados, os amigos mencionaban clásicos como a tremenda "Lela" de Castelao, "Negra sombra" ou "Unha noite na eira do trigo". Tamén veñen á mente varios temas feitos con voz emocionada por Pucho Boedo ou por Dolores Plata de Xocaloma. Pero hai unha canción (tan pouco coñecida en xeral como o feito de que o pai do mítico cantante e guitarrista Jerry García dos Grateful Dead era un galego de Sada) que pode traer lágrimas. É unha toma recollida posiblemente en terras de Ourense, xa que menciona a feira de Amoeiro.

Ben, chegou o momento. A canción está interpretada por mulleres - de distintas idades o cal causa máis emotividade - e narra a historia dunha moza que vai á feira e sofre algunha desgracia. O feito de que non se entendan tódalas palabras crea máis misterio. Estas mulleres lembran no estilo de proxectarse ás famosas Voces Búlgaras e causan calafríos cando despois de cada hipnótica estrofa de melodía moi galega e melancólica dirixen un lamento á protagonista. Case ó final, un detalle que parte o corazón é a tose dunha nena como símbolo de pobreza e desamparo naquel inverno que quedou para a posteridade. O nome da moza forma o título desta canción inesquecible catalogada como “Ay Rosiña” e o conxunto acaba por converterse nunha especie de blues galego, nun pranto extraído da escola da vida. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.