Dúas novas enquisas dan maioría absoluta a Feijóo e meten a Ciudadanos no Parlamento

As sondaxes de Infortécnica e NC Report dan unha ampla maioría conservadora e manteñen o PSdeG como segunda forza, a diferenza da enquisa de Sondaxe, que sitúa os socialistas terceiros e a suma das forzas da esquerda con posibilidades de gobernar.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/08/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Dúas novas sondaxes electorais realizadas por Infortécnica e NC Report ofrecen resultados moi distintos dos presentados por Sondaxe, cuxa enquisa sitúa o PP con 37 escanos —dos 75 da Cámara galega— e coloca as forzas de esquerda co resto de parlamentarios, o que abriría as portas a un goberno progresista con En Marea con 18 representantes, PSdeG con 15 e BNG con 5. Pero o escenario que debuxan as sondaxes de Infortécnica e NC Report é radicalmente distinto. Ambas as dúas coinciden en darlle a maioría absoluta ao PP, con 38-41 escanos, e introducen a Ciudadanos no Parlamento galego, que podería obter até dous parlamentarios. Ademais, coinciden tamén en manter o PSdeG como segunda forza política no país, a diferenza de Sondaxe, cuxos resultados relegan os socialistas ao terceiro posto polo ascenso de En Marea.

Datos globais e por provincias da enquisa electoral de NC Report comparados cos resultados dos comicios autonómicos de 2012
Datos globais e por provincias da enquisa electoral de NC Report comparados cos resultados dos comicios autonómicos de 2012 | Fonte: Electograph.

Na sondaxe de NC Report, para o xornal La Razón, a estimación de voto para o PP é do 44,6%, co que acadaría 39 escanos e maioría absoluta, aínda que serían dous menos que os conseguidos nas eleccións de 2012. Ademais, a dereita veríase reforzada en Galicia coa estrea de Ciudadanos na Cámara galega, co 5,2% dos votos e dous representantes, un pola provincia de Pontevedra e outro pola da Coruña.

No lado da esquerda, o PSdeG manteríase como segunda forza —evitando o sorpasso— cunha estimación de voto do 19,1% e 17 parlamentarios (só un menos que nas eleccións pasadas); mentres que En Marea neste caso sería a terceira forza, co 18,8% e 15 escanos. Nesta sondaxe, o BNG desplómase, conseguindo só dous representantes, cunha estimación de voto de tan só o 5,3%, quedando á par que Ciudadanos.

Na enquisa de Infortécnica, para La Región, os resultados para os grandes partidos son moi semellantes que os dados por NC Report. Así, o PP acadaría 38-41 escanos e o PSdeG, 17-19. En Marea tamén sería aquí a terceira forza, pero con menos representantes que na sondaxe de NC Report, acadando só 11-12, e o BNG, sen embargo, resistiría e acadaría 5-6 escanos, polo que é doado deducir que entre ambas as dúas enquisas a diferenza radica nun posible transvase de electores entre En Marea e o Bloque. Finalmente, nesta sondaxe tamén aparece Ciudadanos con 0-2 escanos.

Así as cousas, temos a enquisa de Sondaxe, na que a dereita quedaría só representada por un PP gañador das eleccións, pero con 37 escanos, e a esquerda sumaría 38, poidendo gobernar nun tripartito liderado por En Marea e completado por PSdeG e BNG; e por outro lado, os resultados de Infortécnica e NC Report, que coinciden en darlle maioría absoluta a Feijóo e os seus, e amplo apoio social á dereita coa aparición tamén de Ciudadanos, mentres que a esquerda quedaría en clara desvantaxe, se ben o PSdeG salvaría os mobles, mantendo un resultado semellante ao dos comicios de 2012.

Datos globais e por provincias da enquisa electoral de Infortécnica comparados cos resultados dos comicios autonómicos de 2012
Datos globais e por provincias da enquisa electoral de Infortécnica comparados cos resultados dos comicios autonómicos de 2012 | Fonte: Electograph.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 51 comentarios

5 Viriato o lusitano

En Fene onde nas duas últimas elección En Marea tomou papel protagonista afinzando súa primacía electoral; nos próximos comicios como consecuencia da súa alianza co PP para botar abaixo ao alcalde do BNG o descalabro pode ser monumental, sobre todo cando vendo que a dirección de en Marea non desautoriza semellante alianza

4 Sociólogo

O problema é que esta pode ser a versión correcta do que pase o 25S. Hai que traballar!

3 Adrián

Porque todos sabemos que as enquisas son MOI fiables.

2 PODREIROS E EXPAÑA

votar o SIDA expañol patrocinado polo -vieiras e meter o PP no gobernó galego, esta claro a merdeyha de podreiros leva o barco pirata do pp a desembarcar con maioria absoluta no parlamento galego señores non esquezan o que fixo o AGE putrefacto POLA DEFENSA DOS NENOS E NENAS GALEGOS - http://www.abc.es/espana/galicia/ab...

1 LUZ

A Voz de Galicia sempre manipulou as sondaxes a favor do PP. Neste caso é moi evidente: colocan un Feijoo con -1 para conquerir a maioría absoluta para motivar o electorado conservador. Dan un ascenso grande a En Marea para meter medo ao cambio. A mesma estratexia que nas xerais. A que ven poñer a valoración de 4 persoas de En Marea como presidenciables, cando o único que se presenta para iso é Ramón Villares?. Os titulares son: prefiren a Beiras e Carmen Santos "a peor valorada". A VOZ milita interesadamente a favor de Feijoo, non é só por ideoloxía, ten recibido moito diñeiro directamente e indirectamente (publicidade) e conta con recibir moitos máis millóns de euros. " non é cuestión persoal, son só negocios", decía o mafioso cando mataba ás súas vítimas.

1 Olivia

O candidato de En Marea é Luis Villares,non Ramón Villares