Documento.- Rodríguez carga contra o "servilismo e covardía" da RAG

O secretario xeral da UPG, Francisco Rodríguez, criticou duramente a RAG por non adicarlle o Día das Letras Galegas do 2010 a Carvalho Calero e tildou a súa actitude de "elitismo mesquiño, dependente ou reverencial"...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 07/07/2009 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

None

De Barreiro di que a súa forma de proceder,"incluídos os seus silencios, perante a agresiva política lingüística do PP, nada ambigua e de feitos destrutivos contundentes, entristura". E con algúns membros deste organismo aínda é máis duro e indica que "chama a atención aínda máis que os silencios corporativos non alporicen aos supostos marxistas e independentistas da corporación, tan obedientes ao espírito de elite sectaria como demagogos confusionistas en moitas das súas intervencións sociais a través dos xornais hexemónicos".

O líder da UPG denuncia que a exclusión de Carvalho Calero é política por "resultar conflictiva" na actual situación, cun goberno do PPdeG, polas posturas reintegracionistas e autodeterministas que sempre mantivo o escritor e académico ferrolán.

"A RAG, como institución, non acaba de asumir o pluralismo real, prático, da nosa cultura nacional. Segue prisioneira de prexuízos, medos e tabús. Resístese a pensar en chave dun país soberano e con dignidade, a librarse de sectarismos e da dependencia e vixilancia mal disimulada do poder español de turno", remata Rodríguez.

O dirixente nacionalista é un firme defensor da obra de Carvalho Calero. El mesmo puxo voz a un documental sobre a vida do ideólogo ferrolán (1ª parte, 2ª parte e 3ª parte).

O texto íntegro da súa crítica:

Teño pouco aprezo pola traxectoria da Real Academia Galega durante o actual réxime democrático. Apenas dou algunha resposta pública positiva perante as hostilidades ou agresións padecidas pola nosa lingua e cultura nacionais. Envisa nas intrigas propias dun elitismo mesquiño, dependente ou reverencial, recoñézase ou non, do poder político español, en versión autonómica, expresa as limitacións e contradicións do holding dominante na cultura galega. Porén recoñecemos que non nos son indiferentes as súas accións, as súas posicións, tratándose dunha institución oficial que podería cumprir un papel nada desprezábel á hora de emitir xuízos e facer propostas, con autoridade moral e intelectual ao servizo do pobo galego, sobre o conflito lingüístico que padecemos ou para espallar e actualizar os nosos valores culturais en todos os campos. Mais a RAG, como institución, nada entre a covardía, o servilismo, a queixa egótica e o medo escénico, mal disimulado, a desagradar a quen manda, por máis desprezo que este sinta xustamente por aquilo que é a súa razón de ser . A forma de proceder do seu presidente, incluídos os seus silencios, perante a agresiva política lingüística do PP, nada ambigua e de feitos destrutivos contundentes, entristura. Pode máis o espírito de secta, o seu posibilismo elitista no seo dunha cultura nacional agredida e desprezada, a leiriña, que un mínimo patriotismo ao servizo colectivo. E chama a atención aínda máis que os silencios corporativos non alporicen aos supostos marxistas e independentistas da corporación, tan obedientes ao espírito de elite sectaria como demagogos confusionistas en moitas das súas intervencións sociais a través dos xornais hexemónicos…

A decisión académica de negarlle, máis unha vez, a Ricardo Carvalho Calero un DIA DAS LETRAS GALEGAS, o de 2010, pasma pola zunia que expresa, pola intolerancia teimosa do holding, pola falta de mínima ponderación, entre a covardía e o desafecto, e pola maquiavélica utilización dun nome benquerido, o dun home bondadoso e poeta senlleiro, Novoneyra, para contrarrestar a evidencia. Segundo parece, non consideraron conveniente homenaxear a Carvalho Calero no 2010, cen anos do seu nacemento, por resultar "conflitivo" nas actuais circunstancias. De ser certo, retrataría máis unha vez o carácter acomodaticio da institución, se ben agora nunha dose tal que a converte en mero apéndice do poder autonómico máis confesamente españolista que ten habido na Galiza, disposto a aplicar unha estratexia en materia de idioma que merece un rexeitamento claro, contundente, desde unha posición conscientemente galega. Tenderase a pensar que a motivación fundamental para a negación de Carvalho, académico no seu día da RAG, sexa a súa declarada e activa opción reintegracionista nos quince últimos anos da súa vida. Pode ser un dos motivos para a maioría dos corporativos, adictos ao isolacionismo recalcitrante, de xestación universitaria. Mais coido que a zunía non se pode explicar sen o desgosto perante a independencia de criterio intelectual, político e cultural de Carvalho, xustamente cando comeza o réxime democrático, Constitución española incluída, e se instaura o marco autonómico actual. Afástase do holding, das súas opcións partidarias, da súa concepción lingüística e cultural para aliñarse implícita ou explicitamente nunha concepción claramente nacionalista, especialmente entre 1982 e 1990. Non llo perdoan.

Para quen, como min, tivo que compaxinar o activismo político co traballo intelectual de investigación e pedagoxía sobre historia e crítica literaria galega, foi unha fortuna tratalo e un amparo a súa actitude. Lembro aínda como presidiu en 1988 o Tribunal que xulgou a miña tese de doutoramento, a primeira sobre Rosalía nunha Universidade Galega. Con emoción, con entusiasmo, con entrega xenerosa perante un traballo que avanzaba no descubrimento da verdade sobre unha muller galega, escritora, e a súa obra á que el xa adicara importantes esforzos intelectuais. Quero pensar que non foi o criterio do Sr. Barreiro, outro dos membros do tribunal cualificador, un factor decisivo para a negativa da RAG a homenaxear Carvalho. Sei si que, de non estar Carvalho vivo entón, tería dificultades para o meu traballo de investigación abrirse paso academicamente. Era un individualista á forza, por circunstancias históricas. Mais no intre preciso en que as circunstancias tamén lle indicaron o valor da seu aceno, do seu maxisterio, para unha causa patriótica recuperada, nun contexto español formal e limitadamente democrático, non dubidou onde tiña que situarse e con quen, desde a súa independencia de criterio, tiña que colaborar. A RAG, como institución, non acaba de asumir o pluralismo real, prático, da nosa cultura nacional. Segue prisioneira de prexuízos, medos e tabús. Resístese a pensar en chave dun país soberano e con dignidade, a librarse de sectarismos e da dependencia e vixilancia mal disimulada do poder español de turno.

O blog de Francisco Rodríguez: http://www.blogsnacionalistasgalegos.net/franciscorodriguez/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 15 comentarios

15 Zutabe

Ou máis...

14 anónimo

patética acutación da mais lamentável organización que hai no país: A U P G

13 castro

quizais o Sr Paco Rodriguez debería adicarse a coidar dasúa formación e de darlles un cursiño de formas e manexo de cargos públicos e deixar a RAG en paz: So nos faltaba agora cos problemas do idioma e coa contumaz persecución do PP de Feijo ao galego que nos viramos envoltos de novas coas polémicas dos lusistas. E ao marxe de que podería adicarse ao seu mellor que non pontifique sobre as decisións da RAG.

12 raxozorza

A todos os comentaristas: sabedes perfectamente porque non lle adican o dia das letras a Carvalho Calero. Parece de chiste que non teñades o valor de dici-lo.
Moitos dos que hoxe reivindican ao xenial Uxio sóo fan hoxe para xustificar a patética acutación da mais lamentável organización que hai no país : a tristemente célebre RAG

11 Salvador

Carvalho Calero si, xa tiña que estar feito; mais Novoneyra tamén. Era, alén dun gran poeta, unha persoa íntegra e independente que xamais se vendeu ao poder. Agora que xa está designado Uxío non me parece ben iniciar esta polémica. O adecuado sería crear opinión verbo de Carvalho para o ano próximo e, se queren, máis forza cando estea por designar o autor do ano seguinte, mais non agora. Ao Señor Rodríguez pérdeno as formas.