Os críticos do PSdeG poderían forzar o cese de Pilar Cancela

Advirten de que se a presidenta da xestora non marcha, acudirán á nova dirección provisional do PSOE para que a cese. O sector oficial avisa que de que isto pode ser “ilegal” e que “haberá guerra”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/10/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A guerra no PSdeG está lonxe de ter rematado. Tras o triunfo do sector crítico en Madrid, a dimisión de Pedro Sánchez e o nomeamento dunha xestora afín aos baróns e a Susana Díaz, a tensión entre os distintos sectores trasladouse a Galicia. En xogo está o futuro da xestora que preside Pilar Cancela.

Xoaquín Fernández Leiceaga e Pilar cancela, do PSdeG, presentan dez medidas económicas para Galicia
Xoaquín Fernández Leiceaga e Pilar cancela, do PSdeG, presentan dez medidas económicas para Galicia | Fonte: PSdeG.

O sector crítico, que encabeza Abel Caballero, Carmela Silva e Pachi Vázquez quere que Cancela asuma a súa responsabilidade polos resultados das pasadas eleccións, dimita e disolva unha xestora que din “é incompetente”.

Nos últimos días, os tres dirixentes teñen realizado diversas entrevistas e falado en roldas de prensa nas que cargaron duramente contra Cancela, insistindo en que ten que dimitir e deixar paso “a quen gañou en Madrid”, nunha clara alusión ao sector crítico. “Foi nomeada por un órgano que era a Executiva Federal  de Pedro Sánchez, que xa dimitiu.  Polo tanto, en vez de facer chamamentos á lexitimidade, debería tamén dimitir”, apuntaba Carmela Silva nunha entrevista no GC, na que aludía, a ese vínculo de Cancela co dimitido Pedro Sánchez.

Sen embargo, a actual presidenta da xestora do PSdeG, lonxe de dar o brazo a torcer vai a dar a batalla e xa anunciou –como no seu día fixo Pedro Sánchez-- que non dimite. Así, esixiu o mesmo "respecto" e a mesma "lealdade" para o órgano que encabeza que para o recentemente constituído a nivel federal, pois ten a mesma "lexitimidade" que o liderado polo asturiano Javier Fernández, dixo.

PEDIR O CESE DE CANCELA

Ante esta situación, os críticos poderían optar por unha vía máis drástica; pedirlle, precisamente a esa xestora que encabeza Fernández, que cese a Cancela, disolva a xestora galega e nomee unha nova. Fontes consultadas apuntan que sería unha decisión “drástica” pero que é a “única saída” para solucionar este problema ante a “cerrazón”, din, de Cancela.

Carmela Silva e Abel Caballero na sinatura dun acordo
Carmela Silva e Abel Caballero na sinatura dun acordo | Fonte: www.depo.es

“Pilar está aí de maneira dixital e imcumpriu todo o que tiña que facer. A súa é unha xestora de chiquilicuatro e semella máis  un clube de boinas verdes que unha xestora”, apuntan estas fontes.  Ademais, insisten en que a xestora de Ferraz está “perfectamente capacitada” para anular á xestora galega e para cesar a súa presidenta “xa que foi nomeada por unha Executiva Federal que xa cesou”, argumentan.

Sen embargo, fontes próximas a Cancela aseguran que sería de “dubidosa legalidade” esta posibilidade e que, de levarse a cabo, “sería impugnada”, xa que a xestora galega constituíse, precisamente, para convocar un congreso, do que sairá un novo líder e unha nova dirección, que aínda non foi convocado e que, ata que iso non se produce, non pode ser disolta. “Nunca aconteceu que unha xestora cesara a outra xestora, cando as dúas foron elixidas por un tempo concreto e para facer fronte a unha situación extraordinaria”, apuntan.

APOIOS Á XESTORA GALEGA

De feito, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que xa saíu en defensa de Cancela, puxo en cuestión este xoves que a xestora federal do PSOE teña capacidade para "destituír" os integrantes da dirección provisional do partido en Galicia. "Non se trata de dimitir ou de non dimitir.Agora hai unha xestora, e eu non sei se a xestora federal ten capacidade para destituír a xestora nacional", recalcou, antes de subliñar que "o problema" non é quen se sitúa á fronte senón a súa mesma existencia. "O que pasa é que nos faltan os órganos do partido, que son os que nos dan a forza moral para marcar as directrices e as pautas políticas", esgrimiu.

Ademais, aseguran que continuar coa guerra do PSOE en Galicia o que vai facer é “debilitar” aínda máis ao partido e avisan; “se queren continuar a guerra, van tela”, en alusión a intención dos críticos de tentar cesar a Cancela “a toda costa” para nomear a unha xestora afín.

Polo momento, desta guerra queda alleo –cando menos de momento-- o novo voceiro parlamentario socialista, Xoaquín Fernández Leicega, que decidiu manter un “prudente silencio”, din as fontes consultadas, para centrarse no seu papel de “facer oposición a Feijóo”. Con todo, entre os críticos hai tamén quen quere evitar que asuma ese papel e deixe paso, tamén, “ao sector que gañou en Madrid”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 leitugas fora

saquen a leitugas... o tipo escapado do nacionalismo, onde fuches parar... caradura!

2 galegoexiliado

A dereita socialmarianista xa deixou ben claro, na capital do imperio, que non quere xente honrada nin xiro a esquerda no PSME (Partido Social Marianista Expañol). Ganan os gurtel e os ere, e os que queiran acabar con eso sobran no partido. Como diría o TOM-TOM: atención, en la próxima elección gire... a la derecha.

1 Gamela

Mentres tanto o alcalde de Vigo segue a VENDER a nosas vivendas sociais... VERÓNICA SOMOS TODAS !!! https://youtu.be/bz4SOgoLjYg