Estado de excepción monetaria india

Nova achega da sección Cartas de Marco Polo, do profesor Gabriel Rei-Doval, desde a India.

Por Galicia Confidencial | India | 22/11/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Trala miña chegada á eterna Varanasi, e despois dalgunha regueifa adicional por mor da (falta de) salubridade e hixiene indias, martes 8 foi día de corazón intenso. Imposible non sentirse emocionalmente abaneado trala visita ós ghats e a correspondente exposición ós rituais hinduístas da vida e a morte.

Un caixeiro automático (ATM) da India pechado
Un caixeiro automático (ATM) da India pechado | Fonte: Gabriel Rei-Doval

Así que, nesas condicións, o máis razoable semellaba retirarse á comodidade que o hotel fornecía entre tanto abalar do corazón. Cea e vipassana por medio, estaba expectante polo fluír das eleccións americanas que, coma as homólogas galegas e españolas, habían acabar con pouca gloria e moita pena. Mais acabei dedicándolles máis tempo do merecente, malia a os canais indios estaren absortos co Primeiro Ministro Modi coa mesma machucona pesadez exercida polas televisións españolas un real 24 de decembro ás nove da noite. En todo caso, con tódalas canles a emiti-lo programa especial en hindi, eu nin flores de que estaban a falar. Ata que chegou o guasap de Vikash, advertíndome que os billetes de 500 e 1000 rupias perdían validez absoluta a partir de medianoite.

Pensei que sería unha irreverente esaxeración bollywoodense india saída do aburrimento vespertino. A que mente preclara se lle podía ocorrer que, sen tempo para a xente se adaptar, os únicos billetes realmente valiosos perdesen validez legal da noite para a mañá.

Mais cando o día seguinte baixei de almorzar disposto a saír para visita-la fermosa Sarnath, o mánager do hotel confirmou as malas novas rebordaren o resultado das eleccións americanas, e se adentraren tamén na realidade doméstica: a falta de efectivo invadía o subcontinente indio. Foi así como comecei a saír da miña incredulidade aceptando que o caos -tamén o indio- mesmo cando parece insuperable é plenamente susceptible a ir a peor. Os días posteriores encargáronse de confirmalo sen lugar nin tempo para a dúbida. 

Disque a picaresca é un xénero literario castelán convertido en definitorio dese país chamado España. Os seus trazos, porén, na versión máis humorística e chocalleira, semellaban plasmarse de xeito literal na tecedeira India. Taxistas que semellan axudar o viaxeiro para sablealo no primeiro descoido, mánagers de hotel que fan da falta de moeda patria estratexia para recadar fondos para o negocio en declive, arteiros empregados de servizos que cambian diñeiro coa premisa binguesca de que a banca sempre gaña e, en fin, intelixentes homes de negocios que levan ó extremo a conversión da necesidade en virtude.

Colas e caos nos bancos para conseguir os novos billetes de 2.000 rupias e feixes dos vellos de 100
Colas e caos nos bancos para conseguir os novos billetes de 2.000 rupias e feixes dos vellos de 100 | Fonte: Gabriel Rei-Doval.

A chegada a Bardhaman e os coidados exquisitos e entrañables da familia Nandi fixeron esquecer estes episodios durante un día, mais na viaxe ata a empinada Darjeeling retornou a extensión ad infinitum do caos indio. 

A conversa con indios diversos, anónimos e non, permitiume aprezar nestas semanas, así e todo, que nin tódalas almas son pícaras nin era eu o obxectivo primordial na procura incesante da verde rupia. Logo de pecharen os bancos dous días por decreto, volveron reabrir, con pouco efectivo e as ATMs ou caixeiros automáticos pechados a cal e canto. Primeiro en Bodhgaya, logo en Darjeeling e máis tarde en Sikkim e en Kolkata, as colas infindas ante os bancos e a imposibilidade de conseguir rupias en billete afectaba máis ós indios ca ós estranxeiros. Por unha banda, a historicamente infundida crenza de respectar e dar preferencia ós occidentais, mais tamén a convición de que estes se deixan acompañar polos sempre beneficiosos euros ou dólares para enche-las arcas indias. É certo que se trata dunha insólita e inédita decisión na contemporánea historia india, pero sorprende ver gardas uniformados e armados protexendo as instalacións bancarias, como tamén ollar os centos de persoas apelotonadas arredor das oficinas bancarias durante xa case semanas a tódalas horas do día. 

A dispersión da poboación, moita dela sen contas bancarias nin diñeiros que non sexan inmediatos, fai máis difícil a transición, pero poucos indios amosan discrepancias fortes ante a medida adoptada polo Gobernó Modi. As indiscutibles incomodidades semellan asolagadas pola convición de que cómpre acabar coa corrupción e as asoballantes mareas de diñeiro negro, verdadeiro chapapote financeiro que enchoupa de cabo a rabo a sociedade e asfixia sen remisión a economía india de hoxe. 

O sempre afable Chitta, memoria viva do espírito revolucionario setenteiro indio, desconfía porén de que non sexa esta unha maneira teatral de cambia-las cousas para que non cambie nada. As filtracións de wikileaks cos nomes dos maiores evasores fiscais indios curiosamente exclúen os defensores do partido nacionalista pro-supremacía hindú que goberna o país na actualidade, mais nestes tempos de abafante populismo dereitoso mentireiro os matices e as intencións derradeiras quizais non cadren coas últimas. Difícil labor de interpretación para un marcopolo mugardés que pulsa opinións azarosas adoito resultado de conversas sen maior profundidade.

En todo caso, oxalá o estado de excepción monetaria en que vive a India desde hai dúas semanas emborque no afloramento tanto das grandes fortunas agachadas nas arcas de bancos suízos coma nos maletíns ocultos nos falsos teitos deses pazos descunchados e decadentes sen perspectiva de mantemento próximo. 

As desigualdades deste país son rampantes, astronómicas, insultantes, galácticas e difícilmente reversibles. Mais se este paso serve para recalcula-la ruta cara a unha sociedade mellor, que tódolos deuses hindús e a miña sempre adorada budista Tara lles sexan benignos ós líderes indios. Os incomodos de tal medida para este humilde marcopolo mugardés en adestramento asiático son temporais e, no fondo, irrelevantes ante a asoballante inxustiza india.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta