O Salón do Libro de Pontevedra cumprirá 18 anos en 2017 analizando "cara a onde van os pensamentos" dos nenos

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra prepara a súa edición número 18, que se celebrará do 10 de marzo ao 2 de abril de 2017, co lema 'O mundo que queremos'.

PONTEVEDRA | 23/11/2016 | Actualizada ás 20:18 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra prepara a súa edición número 18, que se celebrará do 10 de marzo ao 2 de abril de 2017, co lema 'O mundo que queremos'.

A concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, sinalou que a perspectiva desta edición está enfocada a analizar "cara a onde van os pensamentos" dos nenos dende aspectos como a diversidade, a accesibilidade e a investigación científica.

Tras manter a primeira reunión de coordinación con profesorado dos máis de 40 centros escolares de Pontevedra e a súa bisbarra que participan cada ano no Salón, Anxos Riveiro sinalou que "18 xa son moitos anos dun proxecto cultural" como este, polo que o celebrarán dun xeito especial, facendo "fincapé no seu percorrido"; algo que tamén se prevé cando se cumpra o vixésimo aniversario.

No 18º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra participarán máis de 8.000 escolares a partir de 3 anos de idade que, xa con antelación dende os centros educativos, "traballan" sobre o tema elixido. "Non acerca do mundo ideal, senón do mundo no que viven, como poden intervir nel a nivel crítico e construtivo, cos problemas que nos tocaron", precisou a concelleira.

"Todos acolleron moi ben" a proposta, segundo engadiu Anxos Riveiro sobre a receptividade dos docentes á temática do próximo Salón, do que sairá unha obra artística colectiva cos materiais que achegue o alumnado.

Ademais, no marco do próximo Salón presentarase un libro do escritor Antonio Manuel Fraga, ilustrado por Jacobo Fernández Montañés, co título 'Escaquis e Romeu', que se presentará en Culturgal o sábado 3 de decembro.

CONVIDADOS

A organización do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra está a preparar "as sorpresas e as novidades" da nova programación.

Así, entre os convidados barállanse profesionais do Centro Superior de Investigacións Científicas; o novo Premio Nacional de Literatura Infantil 2016, Alejandro Palomas, que será invitado a participar; e estará "moi presente" a figura do escritor Agustín Fernández Paz, "que deu tanto ao Salón", destacou Anxos Riveiro.

Nesta ocasión, o Salón incrementará uns 1.000 metros cadrados máis a súa superficie, a contemplar a súa "prolongación" cara ao Recinto Feiral, onde se instalarán espazos para actividades de música, teatro e cuentacuentos.

O obxectivo é gañar en facer un Salón "cómodo e atractivo", que tamén fará extensible a súa programación aos pacientes infantís ingresados nos hospitais da cidade e ás rúas do centro urbano, segundo concluíu a concelleira.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta