Por Xabier P. Igrexas | Vigo | 16/12/2009
Algúns pretenderon desviar a atención convertendo o instrumento, a folga de fame, no asunto central do debate, polemizando arredor da posibilidade de que Aminetou fose obrigada a alimentarse por decisión xudicial. O problema non é a folga de fame, como non o é a persoa de Aminetou en si. O problema son as causas que motivan que unha valente muller saharauí, de 43 anos e nai de dous fillos, poña en risco a súa propia vida.
Só dende o cinismo máis vil se pode criticar a actitude heroica desta activista en favor dos dereitos humanos, insinuando que a súa folga de fame é unha caste de capricho ou de chantaxe gratuíta.
O problema saharauí.
A causa que a empurra é a de todo un pobo, o saharauí, vítima paradigmática do colonialismo e do neocolonialismo imperialista.
Ex colonia española abandonada á súa sorte en favor da autocracia de Marrocos, que leva en proceso de descolonización dende que Aminetou tiña dez anos, a República Árabe Saharaui Democrática é un estado recoñecido por 82 países (fundamentalmente do hemisferio sur) que foi integrado forzosamente ao Reino de Marrocos coa complicidade internacional, nomeadamente das principais potencias occidentais. O Estado Español nunca recoñeceu a existencia da denominada RASD.
A actitude do goberno español a respecto do Sáhara discutiuse nos últimos anos entre un paternalismo de claro nesgo colonialista, na etapa de Aznar, até o completo desleixo e abandono por parte do goberno de Zapatero. En ambos extremos mediaban distintas concepcións do que o presunto 'Defensor del Pueblo' definiu como “intereses xerais de España”.
Ao Aznar obsesionado con nostalxias rancias do vello Imperio Español, o Sáhara éralle completamente funcional para utilizalo como elemento no litixio permanente co veciño Marrocos, brindándolle a oportunidade de sacar de cando en vez o “músculo” xeoestratéxico que amosou pateticamente no recate do illote “Perejil”. Pola súa banda para Zapatero o interese xeral acada trazos netamente comerciais e para salvagardar os investimentos empresariais en Marrocos non dubidou en dar as costas, máis unha vez, ao Sáhara. De todos os xeitos, en ningún momento histórico, alén das poses diplomáticas dun ou doutro signo, o Estado español tivo o máis mínimo compromiso real na solución do conflito do Sáhara Occidental, nin tampouco se implicou nel.
De feito o Sáhara non forma parte da axenda diplomática do Estado español. Porén si figura nela, de xeito permanente, inda que con impacto mediático intermitente, o litixio xibraltareño. Será que nisto tamén media o interese xeral da “nación española”. Non se trata de que o Borbón utilice a súa boa relación persoal co monarca absolutista Mohamed VI en favor de Aminatou, trátase de que o goberno español se implique activamente na solución do problema, colocándose do lado do pobo Saharauí. E niso tamén sobran oportunismos noxentos como o de Rosa Díez tentando sacar tallada mediática a costela do sacrificio de Aminetou.
A solución: autodeterminación.
O problema está na certeza indiscutíbel de que a solución pasa polo exercicio do dereito de libre autodeterminación. Iso é o que explica as resistencias internacionais dos principais actores, ás veces proxectadas en forma de insultante indiferenza (coma no caso da UE) ou no silencio da administración Obama. As mesmas potencias que aplaudiron a independencia interesada do Kosovo, e que despois arrouparon polo baixo as pretensións anexionistas de Xeorxia en relación a Osetia do Sul, son as que dan as costas ao pobo saharauí. A aparente contradición explícase en función dos intereses do grande capital transnacional.
Curiosamente a esixencia tanxíbel e concreta da devolución do pasaporte, dun estado que non é o seu, serviulle a Aminatou de oportunidade para poñer negro sobre branco a problemática do seu pobo, que con todos os matices que se queira, non deixa de ser o problema de todos os pobos e nacións do mundo ás que se lle nega o dereito a existir e a decidir libremente o seu futuro. Chámense Galiza ou Palestina, Escocia ou Cataluña, Bretaña ou EuskalHerria.
Como afirmou o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, nun acto de solidariedade realizado en Compostela: ¡Queremos a Aminatou nun Sáhara Libre! Só cabe pois exercitar a nosa activa solidariedade internacionalista, con ela, co seu pobo, e con todas as nacións asoballadas.