Represión anticomunista, o capital reaxe

O sistema, vítima da súa incapacidade para facer fronte a esta grave crise, nunha situación de colapso de facto, quere impedir por todos os medios que as maiorías sociais aproveiten o espazo de oportunidade desta conxuntura para alterar a vixente correlación de forzas que as somete. A represión intensificase e esténdense, coa mesma forza coa que agroman nas diferentes latitudes do mundo expresións firmes en favor dun cambio de sistema. Os sucesos en Copenhague son apenas o exemplo máis notorio e televisivo, dunha realidade que se sucede de xeito cotiá nos centros de traballo, nas vilas e cidades, tanto da periferia coma do centro do sistema.

Por Xabier P. Igrexas | Vigo | 26/12/2009

Comparte esta noticia

Imperialismo

A posibilidade dunha invasión a Venezuela dende as bases colombianas, non é a esta altura ningún absurdo. Acrecéntanse o número de tropas invasoras no Afganistán, xa non só dos EUA senón tamén dos seus aliados (entre eles o Estado español, máis unha vez axeonllado ao Atlantismo), non só para librar unha guerra inconclusa contra uns centos de Talibáns senón sobre todo polo interese xeoestratéxico da zona. E a maquinaria diplomática, ao servizo do capital transnacional, acelera os seus traballos para cohesionar un único grande bloque de países aliñados co capitalismo, contando coa presunta desactivación do polo ruso e coa indiferenza chinesa.

E todo nun intre no que as incipientes alternativas articuladas, como o ALBA, inda non están en condicións, nin económicas, nin militares, de poder plantarlle cara ao inimigo, que coma ben advertía estes días Raúl Castro “está moi activo”. Os vaticinios dunha realidade global multipolar non contaban con que a crise provocaría contradicións tamén ás clases dominantes, que se ven premidas pola incapacidade de acrecentar na esfera produtiva a súa taxa de ganancia aos ritmos necesarios, e polo tanto radicalizarán a súa acción.

Persecución anticomunista

Neste contexto, está a perpetrarse unha durísima persecución contra das organizacións comunistas, pero tamén – e en maior medida- contra do propio corpus ideolóxico do marxismo e as súas conceptualizacións derivadas. A reimpresión de obras de Marx e Engels que tivo lugar nos inicios da crise, era asumíbel polo sistema como anécdota graciosa, porén, cando comeza a haber indicadores -inda que tímidos- de que socialmente está a calar nas clases populares (que representan a maioría do pobo) a necesidade dun cambio de sistema, a cousa convertese en perigosa e polo tanto en perseguíbel. Esa idea, a da urxente necesidade de construirmos un novo modelo socioeconómico -que supera o reformismo keynesiano- deixou de ser residual, como o foi durante os últimos 15 anos, para pasar a ser asumíbel por amplas capas sociais.

Só ese feito, o de que se está a fraguar unha potencial alteración na actual correlación de forzas, explica a belixerancia anticomunista dos últimos meses. Resolucións de diversos organismos e institucións europeas (entre elas a OSCE) equiparando comunismo e fascismo. Os fastos cos que celebraron a queda do Muro de Berlín. A prohibición da simboloxía comunista e a ilegalización de partidos en varios países de Europa (o último episodio ten que ver coa máis que probábel ilegalización do Partido Comunista de Bohemia e Moravia na República Checa). A invisibilización do papel fulcral da Unión Soviética na vitoria contra do nazismo na II Guerra Mundial. A posibilidade de que a Real Academia da Lingua Española se propoña definir comunismo como doutrina totalitaria. Ou a teimuda proxección das presuntas atrocidades do totalitarismo stalinista. Todos estes feitos, proxectados e amplificados polos grandes medios de comunicación de masas (dos que son propietarios), pretenden máis unha vez desactivar o paulatino rexurdir orgánico, pero sobre todo ideolóxico, do comunismo no plano internacional, a través da calumnia, da falsificación histórica, e mesmo da criminalización política e sobre todo xudicial.

O anticomunismo é hoxe unha expresión palpábel do carácter esencialmente reaccionario das clases dominantes dun sistema en quebra, que non van renunciar facilmente á pretensión de que a saída desta crise sexa a costela das traballadoras e traballadores, coa perda de dereitos sociais froito da conquista de varios séculos de loita, nunha nova volta de torca ao favor dos seus intereses como clase e en contra dos da maioría social.

De aí que reivindicarmos o comunismo como ideoloxía liberadora que aspira á superación da actual sociedade de clases, sexa un acto máis necesario se cadra ca nunca.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Pérez Igrexas Vigo (1984). Activista social e político. Comunista e nacionalista galego. Foi secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes, membro da Dirección Nacional de Galiza Nova e Secretario da Federación Veciñal de Vigo. Na actualidade, entre outros, fai parte da Dirección Comarcal da CIG en Vigo e é o Responsábel de Acción Social na Executiva Local do BNG de Vigo. Autor do blogue blogue Contradiscurso En twitter: @contradiscurso