Por gcdeportes | Ourense / Marín | 05/03/2017 | Actualizada ás 10:18
Ficha técnica
Araberri 73: Óscar Alvarado (0), Berhanemeskel (23), Zaid Hearst (23), Iván García (2), Gilchrist (8) –cinco inicial- Dedovic (7), Dani Lorenzo (0), Martín Buesa (3) e Cvetinovic (7).
Ourense Provincia Termal 79: Christian Díaz (10), Mitrovic (19), Jukic (3), Dmitry Flis (12), Fran Guerra (10) –cinco inicial- Kapelan (7), Kyle Hittle (6), Tomás Fernández (0) e Devin Wright (12).
Parciais: 31-20, 7-23 (38-43), 19-16, 16-20 (73-79).
Árbitros: Esperanza Mendoza Holgado e José Vázquez García. Eliminaron por cinco faltas persoais a Dmitry Flis (Ourense).
Incidencias: partido da 26ª xornada da LEB Ouro no pavillón de Mendizorrotza.
Unha nova vitoria do COB lonxe do Paco Paz (a oitava do curso, 15 en total), importante de cara á loita por estar nos play-offs. Tras un primeiro cuarto con 7/9 en triplas dos vitorianos (31-20), Ourense reaccionou no segundo cun parcial de 7-23. Malia que Araberri púxose por diante no terceiro (53-52), os de Gonzalo García recuperaron o control e foron mellores no último, no que chegaron a ter doce puntos de vantaxe (61-73) tras dúas triplas de Kyle Hittle. Ao final, 73-79.
Tripla de Hearst e dúas de Berhanesmekel e Arabarri gañaba 17-7. Respostou COB con dúas de Christian Díaz e Mitrovic (17-13), pero anotaron dende 6,75 Dedovic, dúas consecutivas Hearst e Cvetinovic para o 31-20 tras dez minutos. No segundo cuarto, todo mudou. Un 2+1 de Berhanemeskel (34-24) foi a única anotación local en case oito minutos, e o COB, apoiado na defensa, con Devin Wright dominando as dúas zonas e Mitrovic anotando todo, deulle a volta ao marcador cun parcial de 0-12 para poñerse 34-36. Araberri sumou un 0/ 9 en triplas no segundo acto, e Christian Díaz pechaba o cuarto cunha tripla sobre a bucina (38-43).
Tras un breve intercambio de canastras, unha tripla de Mitrovic puxo o 43-50. Araberri axustou a súa defensa en zona e adiantouse cos puntos de Hearst e Berhanemeskel (53-52) tras un parcial de 8-0. Apareceu entón Dmitry Flis, quen con cinco puntos consecutivos devolveu o mando ao COB, con 57-59 ao remate do terceiro acto. Con intensidade defensiva, Ourense pouco a pouco foi abrindo oco. Dúas triplas consecutivas de Kyle Hittle abriron unha fenda e tras un parcial de 2-12, Ourense acadou a máxima vantaxe (61-73), coa que deixaba sentenciado o choque. Dúas perdas de balón ourensás permitiron a Araberri achegarse (69-75), pero Kapelan e Díaz pecharon a vitoria de Ourense. O vindeiro venres, un renovado Barcá B no Pazo.
Ficha técnica
Marín Peixe Galego 79: Jorge Romero (5), Andrés Miso (8), Tim Derksen (20), Javi Múgica (25), Marc Bauzá (2) –cinco inicial- Jason Cain (4), Gabe Rogers (13), Manu Ferreiro (2), Gregorio Adón (0) e Albert Homs (0).
Burgos 89: Steinarsson (2), Álex López (5), Brine (2), Javi Vega (10), Huskic (20) –cinco inicial- Soluade (10), Álex Barrera (16), Jorge García (9), Toncinic (12) e Edu Martínez (3).
Parciais: 23-13, 15-24 (38-37), 18-22, 23-30 (79-89).
A inoportuna lesión nunha man de Andrés Miso lastrou o Marín Peixe Galego, que tras dominar con claridade no primeiro cuarto (23-13), viu como un Burgos máis acertado no tiro (72% en tiros de dous) e cun plantel máis amplo, igualou o encontro ao descando para decidir no último cuarto (23-30). Burgos, un dos favoritos ao ascenso, acabou vencendo 79-89. Marín suma a cuarta derrota consecutiva e, a falla de oito xornadas de Liga, necesita gañar xa para fuxir dos postos de descenso. Espectacular estivo Javi Múgica con 25 puntos e 7/9 en triplas, e Tim Derksen sumou 20 puntos, 6 rebotes e 5 asistencias para 30 de valoración. A vindeira cita, en Cáceres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.