Democracia aritmética

O proceso de sucesión de Xosé Luis Baltar na presidencia do PP de Ourense é algo máis que un asunto interno desta forza política. É un espello onde se reflicte o xeito de entender o funcionamento democrático no seo do partido que ten, neste momento, a responsabilidade de gobernar as institucións galegas.Ademais, o resultado do proceso ourensán delimitará o alcance real da hexemonía de Feijoo no postfraguismo.

Por Xesús Veiga | Santiago | 09/01/2010

Comparte esta noticia

O actual líder do PPdG experimentou unha primeira derrota coa negativa de X.L. Baltar á proposta de repetir outro mandato na dirección provincial. E agora pode sufrir unha segunda desfeita de categoría superlativa:o clan baltariano pretende impedir que o alcalde de Verín acade os avais necesarios para ser candidato formal na batalla do 30 de Xaneiro.Ou sexa:conseguir unha vitoria sen prisioneiros.Co estilo búlgaro que tanto lle gusta ao inquilino –ou propietario?- da Deputación de Ourense –ou de Sicilia?
 

Igual que o algodón, Baltar non engana.Practica dentro do partido o que fixo sempre na sociedade. A estas alturas non vai cambiar e moito menos se está o seu fillo polo medio porque como afirmou recentemente:”a familia é a familia”.E Feijoo? Que pedagoxía creativa vai mostrar neste proceso electoral interno? Porque se a democracia que el defende reduce a súa sustancia á contabilidade aritmética dos apoios de cada candidato, Baltar&Baltar non precisan de ningunha caste de adoutrinamento ditado dende Montepío. Ate o momento non sabemos as novas ideas coas que o candidato de Núñez Feijoo quere seducir á militancia provincial. Se do que se trata é de substituír o nome da persoa que realizará, no futuro inmediato, as propostas que ningún afiliado poderá rexeitar, o presidente da Xunta vai ficar –cando remate esta batalla- sen barcos e sen honra.
 

Xosé Manuel Baltar ten claro cal é o seu sinal identitario:”Temos unha conciencia moi forte, mais que de galegos, de ourensáns”.Feijoo, nado nos Peares, non dá atopado a pedra filosofal para ser profeta nunha provincia que ven sendo o alfa e omega da política galega. Mentres, algúns seguiremos buscando –utópicamente?-a democracia non aritmética, a que merecen protagonizar persoas con algún pensamento propio e sen depender dos favores do mediocre dirixente de turno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.