A maioría silenciosa (en paro)

“Polo tanto, a vós, á grande maioría silenciosa dos meus concidadáns, pido o voso apoio. Xurei na miña campaña presidencial rematar con esta guerra”. Alberto Núñez Feijóo sobre o galego no ensino? Non, Richard Nixon verbo da Guerra de Vietnam.

Por Alberto Leyenda | Nigrán | 12/01/2010

Comparte esta noticia

Tras a presentación semiclandestina dos 13 folios que van guiar a política  lingüística no ensino en Galicia, a Xunta do PP optou por cambiar o paso neste comezo de ano e mobilizar a súa artillería para defender un proxecto que, ata o  de agora, logrou o obxectivo do consenso: non lle gusta a case ninguén dos que opinaron ao respecto.

Porén, nas múltiples entrevistas que estes días conceden os responsables de Educación e de Política Lingüística sempre hai unha mesma resposta ante esta unanimidade crítica. Aluden a unha suposta “maioría silenciosa” que os apoia, e a contrapoñen aos “extremos”. Con “extremos” se refiren aos 50.000 manifestantes de Queremos Galego e aos 3.000 de Galicia Bilingüe.

Esta enigmática “maioría silenciosa” foi utilizada por Nixon en 1969 para xustificar a continuidade norteamericana en Vietnam ante a crecente presión que os grupos pacifistas estaban a exercer sobre o seu Goberno. Curiosamente, tamén Roberto Blanco Valdés botaba man deste artificio retórico nun artigo sobre a cuestión lingüística publicado en La Voz de Galicia no pasado mes de xuño. Casualidades.

Semella tarefa complicada interpretar voces que non se escoitan, esa debe de ser unha das cualidades do auténtico líder, ser quen de tomar o pulso á sociedade que pretende dirixir. Tres anos despois dese discurso, e a pesar das mobilizacións a prol da saída da carnicería de Vietnam, Nixon arrasaba nas eleccións presidenciais.

Un pouco máis tarde Os Estados Unidos de América retirábanse humillados do país asiático, na primeira derrota bélica da súa historia. E un par de anos máis adiante, o conservador convertíase no primeiro presidente estadounidense en dimitir, por unha cuestión que ten pouco que ver coa alta política.

Obviemos todos os matices –a grande prosperidade económica que vivía o país neses últimos anos de gloria do capitalismo industrial, a debilidade do Partido Demócrata, etc.–. Nixon gañou porque soubo escoitar á maioría silenciosa, partidaria de continuar a loita suicida contra o inimigo comunista. Quere dicir iso que a maioría silenciosa tiña razón?

Descoñezo se en Galicia existe tal maioría silenciosa a prol deste paso adiante na desaparición do galego ou se, pola contra, a Xunta do PP só fai retórica baleira. Iso si, Feijóo&asesores non deben equivocarse; nas eleccións de marzo non se preguntaba polo mantemento ou supresión do anterior decreto, polo menos no meu colexio electoral. Se así foi e eu non me decatei cómpre lembrar que a suma de PSdeG e BNG obtivo 5.773 votos máis que o PPdeG.

En calquera caso, non hai que negar a habilidade comunicativa deste Goberno. Conseguiu centrar o debate político e mediático (mea culpa pola pequena parte que me ten) nesta cuestión xusto cando os datos do paro reflicten a súa impotencia ante a crise: 222.839 desempregados, 32.936 máis que o ano anterior. Galicia xerou o 11% dos parados de todo o Estado en decembro, cando a súa poboación representa o 6%.

Precisamente o Executivo de Feijóo, que durante a súa estancia na oposición erixíase na voz da rúa, fronte unha Pequena Coalición obsesionada con crear falsos debates e desantender os problemas reais da xente normal. Abdicar da súa responsabilidade e delegar nos pais competencias en política educativa e lingüística non parece respostar a tan nobres intencións. Unha vez máis.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA