Todo o ano é Entroido para Feijóo

O presidente galego deixouse ver o xoves pasado nos Carnavais de Verín, enfundado no máis indescritible e orixinal dos múltiples disfraces que adoita poñer.

Por Alberto Leyenda | Nigrán | 19/02/2010

Comparte esta noticia

Núñez Feijóo presentouse nas rúas da vila ourensá ataviado cunha casaca branca, adornada cunhas bandas verticais douradas e prateadas. Na cabeza levaba un sombreiro modelo colonizador. Un fixo o seu labor de investigación, pero admite o fracaso xornalístico: ningunha das fontes consultadas foi quen de explicar de que ía disfrazado o titular da Xunta. Agradécese a colaboración dos lectores.

O que si semella demostrado é que a titánica tarefa de reducir o número de chupópteros altos cargos afectou ao estilista presidencial. Ou iso, ou marchou de vacacións. En calquera caso, o armario de disfraces do presidente parece non ter fondo. Un para cada ocasión. Fagamos un repaso.

Durante a última parte da lexislatura pasada empregou o disfrace de SúperGuerreiro Anti-Crise, pero os nefastos datos do paro indican que esas roupaxes xa foron gardadas. Na campaña electoral había que multiplicar esforzos, un dos máis socorridos foi o de Feijóo I O Rexenador; tamén abandonado. No mesmo caixón meteu a antes urxentísima reforma da CRTVG para que o Parlamento, e non o Goberno, nomee ao seu máximo responsable. Fica adiada para 2012, quizais do calendario touriñano, é dicir de 2015 en diante.

Outra das caretas recorrentes agora hai un ano era a de Liberador dos castelanfalantes oprimidos, reutilizada a primeiros de ano e agora de novo no armario. Este disfrace era ben cómodo e pragmático, mais xeraba certa animadversión, porque era moi semellante ao de Enterrador da lingua, ou da sardiña.

Nesa época electoral transmutouse en xerente de concesionario, decorador de interiores experto en cadeiras, vendedor de cruceiros de luxo…Dende que está na Xunta aparece a cotío coma comentarista político en Madrid, coma golfiño de Rajoy, coma cidadán de a pé (un dos preferidos), coma vigués de pro, coma deportivista.

Ultimamente se lle ten visto de Fusionador, que soa un pouco a científico tolo, co pelo branco de punta e rodeado de probetas fumeantes. É probable que o experimento non saia e se lle queime a roupa. Por sorte, o Goberno central encargouse de enviarlle por correo un traxe novo, de Líder contra aldraxe. Este séntalle estupendamente, os xastres de Zapatero son moi eficaces. Un estilo William Wallace cunhas pingas de retórica quintanista, da época na que Paco Rodríguez collía a Solbes polos pés e lle arrancaba millóns e millóns para o país.

Non sorprende esta cuestión das múltiples aparencias de Feijóo. É unha consecuencia lóxica do seu carácter posmoderno, o primeiro presidente posmoderno da Xunta. A verdade non existe, cada ollada é unha realidade distinta. Non hai identidade, as ideoloxías están mortas, e outros mantras do estilo. Pero segue sen responder á pregunta fundamental, que lanzaba o mestre Mariano José Larra nun artigo de 1833: “¿Para iso só ponse unha faciana de cartón sobre a súa? ¿Teme que as súas faccións delaten a súa alma?”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA