Temas: VIGO BNG

O BNG defende que o Concello de Vigo pague o avogado dun edil exculpado de corrupción

Xabier Alonso declarou como imputado no “Caso Formigón” e a Xustiza decidiu non seguir ningunha actuación contra el. O ex-político remitiu a factura do seu avogado ao Concello e agora dálle luz verde ao pago, vistos os informes da Secretaría.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 21/03/2017 | Actualizada ás 10:51

Comparte esta noticia

O BNG de Vigo defende que o Concello abonase a factura da defensa legal do ex concelleiro de Deportes Xabier Alonso. A Xunta de Goberno aprobou pagar con cartos públicos o letrado do ex edil nacionalista, uns 2.420 euros.

Xabier Alonso nun mitin do BNG
Xabier Alonso nun mitin do BNG

Dende a fronte destacan a “total inocencia do ex concelleiro nacionalista, ficando fielmente acreditado que non participou de ningunha maneira en actuacións irregulares”.

Na súa opinión, que o Concello apande coa factura do letrado “non só non constitúe ningún tipo de privilexio senón que se corresponde cun dereito que lle asiste, tal e como se recoñece expresamente nos informes técnicos municipais que avalan o abono desa factura, cuxo importe se corresponde cos honorarios habituais a prezos de mercado”.

Os nacionalistas tamén sacan peito da exculpación porque proba que a actuación dos seus “cargos públicos se axusta plenamente á legalidade e a un comportamento ético, en contraste coas prácticas estruturalmente corruptas que, por mágoa, continúan a marcar a axenda política”. 

O pago da defensa legal dos cargos políticos imputados por corrupción é un asunto complexo e polémico. Por exemplo, sete edís do PPdeG foron condenados no seu día en Santiago por aprobaren o pago do letrado dun ex-compañeiro nun xuízo por corrupción sen ter os informes pertinentes, aínda que posteriormente a Audiencia Provincial da Coruña declarounes inocentes.

O caso Formigón remóntase a primeira etapa do actual alcalde Abel Caballero no goberno local, cando gobernaba aliado co BNG. Ningún dos imputados no seu día por presuntamente favorecer a empresa dun edil, Hormigones Val Miñor, foron condenados. 

Temas: VIGO BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Chovinista independentista

Que barbaridá, se todo o mundo sabe que ser exculpado de corrución é o mesmo que ser condenado por corrución.

1 Xonc

Lóxico o que pide o BNG nesta ocasión. O Sergas paga os avogados dos seus traballadores, Ensino ídem... Entendo que un Concello faga o mesmo cos seus representantes, e máis sendo inocentes. É máis, igual alguén debería indemnizar a este home por danos e perxuizos. O que non entendo son outro tipo de privilexios que non se cuestionan: tablets, dietas abusivas, aloxamentos dos deputados en Madrid, etc