Temas: LEITE

Leite galego a prezo xusto para o mercado español

Leite Noso, a sociedade gandeira que comercializa Deleite en Galicia, lanza hoxe a marca Muuu para toda España. Ademais, amplía as rutas de recollida e renova os contratos con todas as granxas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/04/2017 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Leite Noso, a sociedade de gandeiros galegos que envasa Deleite, lanza hoxe a marca Muuu para toda España. O novo leite comercializarase inicialmente nos establecementos Carrefour, cadea coa que Leite Noso chegou a un acordo estratéxico para o lanzamento do produto. A saída ao mercado español da nova marca coincide ademais coa renovación este mes da totalidade dos contratos subscritos no seu día coas granxas e a ampliación das rutas de recollida, integrando nas mesmas, entre outras, as cooperativas de Castro de Rei e da Capela.

Leite Noso comercializa a marca Muuu para toda España.
Leite Noso comercializa a marca Muuu para toda España.

Hai agora once meses que os produtores de Leite Noso lograron a volta da marca Deleite ós supermercados galegos. Foi unha iniciativa pioneira, pois era a primeira vez que os gandeiros galegos se uniron para comercializar de xeito directo a súa produción, sen intermediación algunha. Agora, amplían a súa aposta coa saída de Muuu para o mercado español.

Para este reto, Leite Noso chegou a un acordo estratéxico coa cadea de distribución Carrefour, que pretendía comercializar unha marca de leite de calidade producida por gandeiros galegos e que levase a certificación "Galega 100%", segundo informa a sociedade galega.

Tanto Deleite coma Muuu caracterízanse ademais polo seu compromiso cuns prezos xustos en orixe, pola estabilidade contractual coas granxas provedoras e polo apoio ás causas sociais, a cultura galega e o deporte. Así, Leite Noso asinou na súa saída, hai un ano, contratos de duración anual cunha trintena de granxas da Coruña e de Lugo, cun prezo fixo e con garantía de recollida do 100% da produción das explotacións.

O prezo do leite percibido polas granxas provedoras de Leite Noso sitúase desde un inicio no treito alto dos prezos que hai no campo. Así, Leite Noso quixo posicionarse no mercado como unha sociedade que paga prezos xustos e que lle garante estabilidade ás granxas, xa que asina contratos anuais, algo que era pouco habitual en Galicia, autonomía que ten os prezos máis baixos do leite en orixe en toda España.

A sociedade comprometeuse ademais á recollida do 100% da produción das granxas, sen aplicar fórmulas de desconto para parte das entregas en función dos prezos dos produtos lácteos industriais, como era e segue a ser habitual en boa parte das industrias do sector.

O NOVO LEITE

Muuu, a marca que hoxe sae ao mercado en formato dun litro e nas variedades enteira, semidesnatada e desnatada, fora adquirida por Leite Noso no marco da subasta pública das marcas da antiga Alimentos Lácteos.

As marcas Deleite e Muuu, que se sacaron a poxa xudicial a finais do 2015, fóronlle adxudicadas a Leite Noso, unha sociedade creada por un grupo de gandeiros galegos que se xuntaron para asumir de xeito directo o reto de comercializar o seu leite, sen intermediación algunha.

O seu primeiro paso foi lanzar a marca Deleite para Galicia, en maio do 2016. Desde aquela entón, Deleite comezou a comercializarse nas cadeas de distribución máis importantes e en tendas tradicionais e de proximidade. 

En decembro do 2016, Deleite lanzou as súas variedades sen lactosa e agora consolida a súa aposta coa saída ó mercado de Muuu para toda España. Esta marca foi no seu día unha das máis recoñecidas polo consumidor pola súa relación calidade-prezo, converténdose nunha das galegas máis vendidas. 

Temas: LEITE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Deleitequeixoetona

Meu deus! Por 20 euros doulles un nome ....chamarlle muuu eche muuu cutre.