Lexislar con sentidiño

Estase a tratar no Parlamento Galego da modificación da Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural 9/2002.

Por X.Benito Reza | Celanova | 10/03/2010

Comparte esta noticia

 A LOUG ou Lei do Solo pecou de regulamentística, complexa e embarullada, e por iso ineficaz e difícil de aplicar en tan maltreito territorio, tanto que temos que estar continuamente a parcheala para adaptala á nosa realidade social e territorial: con esta xa vaia a coarta reforma. Pero ademais foi unha tara e lastre para o desenvolvemento da rede de espazos naturais en Galicia, na procura desa complicidade tan difícil de acadar entre a administración promotora da protección e a poboación residente (os afectados de sempre), na procura dese complexo equilibrio entre desenvolvemento e conservación para  a preservación dos nosos valores naturais máis senlleiros. Esta Lei dispón nos seus artigos 33.2 e 39.2 que trala declaración dun espacio protexido os solos rústicos pasan a ter de inmediato a consideración de solos rústicos de especial protección de espazos naturais, quedando prohibidas todas as instalacións e construccións agás as vencelladas coa actividade turística, científica ou educativa. Só a través do planos de ordenamento ou a costa de andar a facer malabarismos na interpretación xurídica da norma podíase superar malamente este bloqueo, por moito que na normativa ambiental se subliñe que esta debe prevalecer sobre calquera outro instrumento de ordenación territorial ou física.

En qué estaría cavilando o lexislador daquela Xunta do 2002 cando chantou semellante sentencia condenatoria contra a xente que vive nos espazos naturais galegos..., en Yellowstone?, en  Iguazú?, na selva do Darién en Panamá...?, porque que nós saibamos en Galicia os homes e as mulleres do rural foron os protagonistas indiscutibles da paisaxe e do territorio, e foron eles coa súa actividade secular os que modelaron e crearon para nós os grandes escenarios, as paisaxes onde hoxe se move e come a fauna e a flora silvestres máis prezadas.  E por iso tamén hai que preguntarse por qué cando se modificou o artigo 33.2 mediante a Lei 15/2004 incluíndo un novo apartado (o L), onde se “colaron” a plantas de acuicultura mariña para posibilitar a súa instalación na Rede Natura 2000, por qué digo non se fixo o mesmo coas instalacións e construccións asociadas as explotacións agropecuarias que son o pan noso de cada día? Ou é que solucionar aquel “problema” era máis importante que o desenvolvemento rural da Galicia interior irredenta e esmorecente que é a que mantivo e soportou estoicamente durante séculos para maior gloria de todos os galegos a meirande parte do inxente patrimonio natural galego...?

Acomodar esta Lei era un pequeno pero necesario paso, e inda que agora queda claro que serán os planos de ordenamento dos recursos naturais de cada espazo os que deben favorecer o desenvolvemento sustentado destes lugares, establecendo o marco normativo apropiado para os futuros planeamentos urbanísticos, non debemos esquecer o principio de cautela pois segue a prevalecer o compromiso de velar pola integridade dos seus hábitats e ecosistemas.

Aínda así sempre quedará o máis importante: que a sociedade galega debe recoñecer os beneficios ambientais que recibe da multifuncionalidade inherente á actividade das persoas que viven nos espacios protexidos galegos, e que o goberno que a representa ten que pagar por eses servizos, mellorando a súa calidade de vida, abríndolle novas oportunidades, porque iso é xustiza social, e porque é urxente e necesario pola fraxilidade e precariedade dese mundo que esborralla sen que ninguén o remedie, e non obstante é o que segue a gardar, teimuda e celosamente, os maiores tesouros do patrimonio natural galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Benito Reza Nace en Celanova en 1956. Ex Director Xeral de Conservación da Natureza 2005-2009, Xefe do Servizo de Medio Ambiente Natural (Ourense, 1988-1997), Director dos Parques Naturais “Baixa Limia-Serra do Xurés” e Invernadoiro (1995-1999) e Promotor das propostas de creación das Reservas da Biosfera do Río Eo e da Internacional Gerês-Xurés (UNESCO) 2009. Tamén é membro fundador do Padroado “Curros Enríquez”, secretario do grupo Histórico-Arqueológico “Larouco” – Lugo, secretario da Asociación “Amigos do Couto Mixto” – Ourense e Vocal da Asociación Álvaro das Casas - Ourense. Ten publicado varios libros, entre eles “O Macizo Central Ourensán” e as biografías de Curros Enríquez e Arturo Nogerol Buján.