Saramago no Camiño Portugés

Por X.Benito Reza | | 24/06/2010

Comparte esta noticia

Cousas que ten a vida para que en tan só dous días me topara no Camiño de Santiago deste Xacobeo descafeinado e último (porque sabe deus como estaremos e como mudará o mundo no vindeiro que xa será dentro de once anos) e a inesperada nova (sempre é así por moito que logo nos digan que xa era moi velliño ou que foi un padecer continuo nos últimos anos) da morte de Saramago, ese “Señor” de radiante e afiada pluma, valente, honesto e comprometido, que como todos os “grandes” fixo da súa humildade un monumento á dignidade humana, e que tamén levou para o noso gozo á común retranca aos olimpos do premio máis devecido.

E digo isto porque con motivo da feira de libros de viaxes que se está a celebrar estes días en Compostela, e que aconsello visiten todos os que teiman por transcender do mundanal ruído, desempoeirei o meu libro do Camiño Portugués a Santiago, unha viaxe que fixemos meu irmán e mais eu no 93 en bicicleta, dende a porta da Sé Catedral de Lisboa ata o mesmo Obradoiro. E logo, un día máis tarde, entereime pola prensa da morte de Saramago e de que este nacera en Azinhaga, un lugar que seguramente moi poucos galegos coñecen.

Foi unha galano ter coñecemento en derradeira instancia que pasamos sen sabelo polo berce do insigne escritor aquel sábado 28 de agosto hoxe tan afastado de nós. Nun día de ceos esplendecentes e unha calor inmisericorde pedaleando pola Leziría do Ribatexo. Durmiramos en Santarem, a cidade de “Santairene”, que chanta nun outeiro fortificado cun milleiro de glorias para contemplar. E logo saímos polas Portas do Sol, un miradouro extraordinario onde dexergar as terras mesopotámicas do Taxo inmenso que vai por baixo. Pasamos por Póvoa, Alcanhoes, Vale de Figueira, Entroncamento, Pombaliño e xa por fin Azinhaga e a capital daquel concello que é a vila de Golegâ. Quizais alguén non entendido podería pensar que o noso Camiño ía sensiblemente desviado cara o leste, pero este era en verdade o camiño real, o que levaba á terras do Norte remontando o gran río, e logo a “Santiago da Galiza”, así o acreditaba o diario de Confalonieri de 1594, o secretario do legado papal monseñor Fabio Biondo da Montalto, que era o noso guieiro.

Venme ao recordo daqueles días inesquecibles a visión dunha chaira inmensa, unha planura feraz e farturenta torrada por un sol de xustiza que morneaba os lombos dos “campinos” ribatexanos, co Texo distante abrindo un suco invisible nos seus ricaces e nutritivos sedimentos. Por un estrada angosta e solitaria, na serena quietude do mediodía, baixo un ceo inmenso alabarado e un silencio solemne tan só rachado de vez polo chirlar infadigable das lavercas nas agras interminables. De Azinhaga, a patria de Saramago, recollo o paso fugaz no meu diario: “Vila importante, unha illa senlleira no océano pacífico e sen ondas do Ribatexo, con amplas e señoriais casas espalladas pola estrada. Son as faces que presentan as quintas dos grandes señores, reflectindo branquísimas as fachadas dos terratenentes ribatexanos.” Non é de estrañar –cavilo hoxe-, que á par de tanta riqueza e fartura agromara tamén tanta fame e oprobio. Que os pais de Saramago foran uns pobres “campinos” analfabetos e sen terras. Que se fixera comunista e membro do PC no 69. Que sempre usara a crítica mordaz e defendera a insubmisión fronte a intolerancia, a indolencia ou a opresión.

 

Aquel día comemos en Golegâ, que a súa pronunciación na difícil fonética lusa non ten nada que ver co que se escribe. E levamos unha sorpresa maiúscula cando nos dixeron que “é a vila máis castiça do Ribatexo, e que ten as súas orixes nunha venda ou estalagem dunha GALEGA, que chegou coas hostes de Afonso Henríquez, cos seus carros e pendellos, a instalarse ao pé de tan principal camiño, rede primaria de comunicación do antigo reino”

Non vimos ningún peregrino en tan dilatado camiño. O primeiro foi a rentes daquela capeliña de Redondela, xa no noso país. Por aló non acreditaban, todos crían que iamos a Fátima; agora non sei. Pero xúrolles que se teñen forza, alma, un chisco de espírito aventureiro e gañas de coñecer o que por aló argallaron os nosos devanceiros, ben merece a pena. Saramago si acreditaba en Iberia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Benito Reza Nace en Celanova en 1956. Ex Director Xeral de Conservación da Natureza 2005-2009, Xefe do Servizo de Medio Ambiente Natural (Ourense, 1988-1997), Director dos Parques Naturais “Baixa Limia-Serra do Xurés” e Invernadoiro (1995-1999) e Promotor das propostas de creación das Reservas da Biosfera do Río Eo e da Internacional Gerês-Xurés (UNESCO) 2009. Tamén é membro fundador do Padroado “Curros Enríquez”, secretario do grupo Histórico-Arqueológico “Larouco” – Lugo, secretario da Asociación “Amigos do Couto Mixto” – Ourense e Vocal da Asociación Álvaro das Casas - Ourense. Ten publicado varios libros, entre eles “O Macizo Central Ourensán” e as biografías de Curros Enríquez e Arturo Nogerol Buján.