Tres liderados a proba

Todo debate parlamentar ten unha dimensión teatral.Ademais do que se di é moi importante cómo se verbaliza, de qué xeito se representa.

Por Xesús Veiga | | 19/03/2010

Comparte esta noticia

A “mise en scène” que dirían na Franza.E a partir da análise do que sucede ese día no Pazo do Hórreo configurase un mapa de situación dos liderados das tres formacións políticas presentes na Cámara.

Nesta ocasión, non había precedentes para establecer parámetros de referencia.Núñez Feijoo comparecía por primeira vez como presidente da Xunta, Manuel Vázquez debutaba como máximo dirixente do PSdG nun debate destas características e Carlos Aymerich exercía de portavoz do BNG na oposición despois de ter ocupado o mesmo cargo durante o goberno bipartito.

Feijoo confirmou que está especializado no caneo curto e que ten dúas eivas relevantes:carencia de ideas orixinais para dar contido real e convincente ao seu papel legal de máximo representante da principal institución de autogoberno e falta da calidade mínima esixíbel na equipa de goberno seleccionada na primavera pasada.A pesar de que posuía a vantaxe estratéxica de saber que –agás outras ambicións de presenza na política estatal- será o candidato do PP no 2013, Alberto Núñez estivo sorprendentemente desacougado na sesión vespertina.Tal vez porque foi consciente de que exerceu de administrador empresarial nunha xunta de accionistas e non de presidente dun País que necesita acreditar na solvencia dos seus gobernantes.A provocación verbalizada coa cita de Castelao retratou a un líder de baixa estatura política que prefire xogar co campo embarrado porque non ten unha estratexia capaz de xerar ilusión.

Manuel Vázquez non deparou sorpresas.As súas palabras certificaron a morte do modelo de partido que pretendeu construír Emilio Pérez Touriño.O ex-presidente quería facer do PSdG unha versión light do PSC, reconvertendo o sumatorio de taifas provinciais nunha estrutura de maior perfil nacional e con maior autonomía de Ferraz.O ex-alcalde do Carballiño manexa unha lóxica diferente e aceita o marcado carácter vicario do seu liderado interno.O espectáculo servido por Abel Caballero e Javier Losada no asunto das Caixas é a principal moción de censura para o novo secretario xeral do PSdG.

Carlos Aymerich tivo que enfrontar un reto descoñecido na vida do BNG:representar á organización nacionalista no debate anual mais importante do Parlamento sen desempeñar, ao mesmo tempo, o cargo de Portavoz Nacional.O exame foi superado con suficiencia notábel.Aymerich combinou a reivindicación intelixente dos acertos do anterior goberno de coalición cunha crítica fundamentada e construtiva do labor do novo Executivo.O dirixente nacionalista confirmou dende a tribuna do Hórreo que a súa biografía política proporciona as doses adecuadas de continuidade e renovación para conformar unha imaxe atractiva da alternativa que representa o BNG.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.