Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2017 | Actualizada ás 10:00
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reclamou que se "esclareza e se aclare" cales foron as circunstancias que motivaron que o pasado 22 de abril unha motobomba pertencente ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Mugardos (A Coruña) resultase calcinada durante un incendio forestal declarado na parroquia de Mandía, en Ferrol.
González Formoso realizou estas declaracións nunha visita institucional realizada ao longo da mañá deste xoves ao municipio da comarca de Ferrol, onde se reuniu coa súa alcaldesa, Pilar Díaz (EU), e con integrantes do seu goberno e oposición, ademais de con efectivos do propio GES, aos que lles mostrou o seu apoio.
O presidente da administración provincial lembrou que o incidente se rexistrou "nun incendio forestal, nun lume competencia de Medio Rural e non do Consorcio Contra Incendios e de Salvamento da Coruña", do que González Formoso é presidente, e que fixo que "alguén decidise que entrase un camión que non estaba habilitado, segundo o que din os técnicos, para un incendio forestal, e acabou ardendo", tal e como xa contou GC.
"Isto custa o que custa, estamos a falar dun investimento enorme, e loxicamente hai que esclarecer as circunstancias dun sinistro que polo que me din non cobre o seguro e que por tanto témolo que afrontar entre as administracións", indicou
COMPETENCIAS
Valentín González Formoso asegurou que se tentará "aclarar isto" antes de "tomar calquera decisión" e mostrou a súa satisfacción tras ter coñecemento de que "Medio Rural, sensible coa situación, cede unha motobomba que como mínimo suple unha parte importante das funcións que realizaba o anterior vehículo calcinado".
O presidente da Deputación da Coruña tamén asegurou que as competencias dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais é da Xunta, "concretamente de Vicepresiendencia e Consellería de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza", pero que esta situación "non vai ser impedimento" para que a Deputación se interese polos sucedido, xa que queren "saber o que pasou para que non volva ocorrer"
INVESTIMENTOS
Noutra orde de cousas, o presidente da Deputación da Coruña, asegurou que no que vai de lexislatura realizáronse investimentos por valor de 1,5 millóns de euros neste municipio da marxe do sur da ría de Ferrol, un apoio que cualificou de "clave para a mellora das infraestruturas".
Na súa maioría, foron destinados a actuacións que decidiu o goberno local, como diversas obras no polideportivo municipal, así como melloras nos parques infantís de San Xoán, O Penso e A Pedreira, onde tamén se actuou no campo de fútbol.
Por último, González Formoso e a alcaldesa de Mugardos desprazáronse tamén ata a estrada DP-3504, que une A Pedreira con Maniños, en Fene (A Coruña), para estudar a posibilidade de que a Deputación realice un estudo do trazado co obxecto de ampliar o viario ao seu paso polo núcleo do Penedo, nas inmediacións da planta de gas de Reganosa, polo volume e a intensidade do tráfico que soporta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.