Por Galicia Confidencial | Madrid | 26/05/2017 | Actualizada ás 11:33
O Goberno arxentino condecorou este xoves como "veterano de guerra" a un mariñeiro galego que actuou como espía para este país durante a guerra das Malvinas. Trátase de Fernando Otero, un xubilado de Bueu, de onde partiu hai 35 anos como terceiro xefe de máquina do pesqueiro Usurbill. Nesa viaxe converteríase en espía de mar ao servizo de Arxentina. "A nosa tarefa foi localizar o mellor posible a Task Force", a frota de ataque británica enviada pola entón primeira ministra do Reino Unido, Margartet Thatcher, explicou Otero ao xornal La Nación.
A historia de Fernando Otero quedara en sixilo ata hai pouco. Agora sabemos que este mariñeiro galego terminou sendo un axente ao servizo dos mandos militares arxentinos, cos que se comunicaba dende o pesqueiro pola mesma radio que usaban os mariñeiros para comunicarse cos seus familiares en Galicia e coa empresa pesqueira.
"Instruíronnos brevemente", dixo Otero a La Nación. O xornal arxentino lembra que nas comunicación se usaban mensaxes codificadas con palabras claves como "merluza", "calamar" ou "ballena", que pasaron a significar "fragata", "portaaviones" ou "crucero", segundo os casos. Así, relata Silvia Pisani no xornal arxentino, a frase "parece que estamos cerca de un cardumen de merluza" podería significar algo bin distinto ao propio negocio da pesca.
A actividade de espionaxe de Fernando Otero durou 17 días. O peor, lembra en La Nación, foi na tardiña do 8 de maio de 1982, cando a tripulación do Usurbi detectou a presenza dun buque, dun avión de combate Sea Harrier e dun helicóptero do Exército británico. Os mariñeiros pensaron que serían abordados, polo que se desfixeron de todo o material que os puidese comprometer. Pero a diferenza doutro barco espía, o Narwal, que fora afundido con dous disparos de misil, o barco no que viaxaba Otero salvouse.
A guerra das Malvinas se desenvolveu entre o 2 de abril, día do desembarco arxentino, e o 14 de xuño de 1982, cando o país suramericano se rendeu.
Este xoves, 35 anos despois, este pescador galego retirado e avó de catro netos, foi homenaxeado na embaixada arxentina en Madrid, onde o Goberno daquel país o recoñeceu como "veterano de guerra", nun acto ao que asistiron o embaixador Ramón Puerta e o agregado naval, capitán de navío Julio Hoffman.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.