Temas: BANCA GüRTEL

Informe interno describe sistema do Banco Pastor para facilitar branqueo de capitais

Unha investigación interna, filtrada agora, detalla como o que empezou como un mecanismo opaco montado na Coruña para que emigrantes galegos repatriasen cartos dende Arxentina acabou, presuntamente, facilitando un branqueo masivo de capitais de persoas como Bárcenas.

Por M.V. | A Coruña | 20/06/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O Banco Pastor montou un complexo mecanismo na súa sede nos cantóns da Coruña que facilitou o branqueo de diñeiro a Sudamérica e outros países. Así figura na investigación interna que encargou o Banco Popular tras rexistrar a Policía esa oficina buscando pistas dun presunto branqueo de capitais.

Banco Pastor na Coruña
Banco Pastor na Coruña

Cómpre lembrar que este, o Caso Cantón, é unha das pezas desgaxadas do sumario da Gürtel. E é que o que empezou como mecanismo para que os emigrantes galegos repatriaran o seu capital, semella que acabou sendo utilizado para enviar a Sudamérica o diñeiro de orixe dubidoso, entre outros o procedente dos líderes da trama corrupto na cúpula do PP.

Segundo explica Ana Antón en El Independiente, a citada investigación interna, desvelada agora, conclúe que o Banco Pastor artellou un sistema nas súas oficinas de representación para montar transferencias opacas a medio centos de países, entre eles varios paraísos fiscais como Suíza, Uruguai, Bahamas, Liechtenstein e as Antillas Holandesas.

A oficina de Buenos Aires sería o epicentro da trama “con el fin de captar negocio de emigrantes de origen gallego en Argentina, establece relaciones comerciales con las sociedades Eves […] y Belfast Link […], que se utilizaban para canalizar operaciones que por razones diversas no estaban autorizadas por la legislación del primer país”.

A suposta fraude foi evolucionando até o punto que nas oficinas do Pastor instalouse unha aplicación informática que ocultaba parte destas transaccións, din os investigadores do Popular. O informe interno indica que a fraude medrou até tal punto que “estas sociedades fueron modificando su operativa […]. Empiezan a recibir transferencias […] que apuntan indiciariamente a un posible blanqueo de capitales, ya que una vez abonados los fondos en sus cuentas los desvían hacia otras jurisdicciones”.

Que sociedades son esas que montaron o presunto blanqueo de capitais? En principio dúas, que xa estaban no punto de mira da Xustiza, a arxentina Eves SA e a uruguaia Belfast Link. El Independiente desvela a maiores que, ante o cheiro que desprendían estas prácticas, varios bancos colaboradores do Popular deixaron de procesar pagos desas dúas empresas pero tamén de Casa de Cambio Los Tilos, Northwick Insurance, Lucía Enterprise, Krause Corporation (sucesora de Belfast Link).

Detrás dalgunhas desas sociedades está un galego, Manuel Roel Pérez, emigrado a Buenos Aires dende A Coruña, e o arxentino Walter Manuel Hernández. Os dous están sendo investigados pola Audiencia Nacional e xa foron sancionados polas autoridades bancarias arxentinas con fortes multas por outras prácticas ilegales.

En España, a Xustiza estima que se puideron blanquear 617 millóns de euros a través de 34.000 operacións bancarias, informou Infolibre. Ducias de empresas e particulares terían empregado esta canle galega para sacar o seu diñeiro do estado ocultándoo ao fisco. Entre eles, Luís Barcenas.

A presenza do tesoureiro do PP foi o motivo polo que a UDEF acabou rexistrando a sede do Pastor, ante a falta de cooperación do banco. En Galicia, é vox populi que Arxentina e Sudamérica son destinos predilectos dos galegos -entre eles algún político- que non poden explicar o orixe da súa fortuna.

Manuel Roel e Walter Manuel Hernández son os nomes que aparecen vinculados a Eves S.A., a axencia de viaxes máis antiga de Arxentina, e Belfast Link. O uruguaio o Fernando Juan Castagno Schickendant e Marcelo Pereira Darriulat serían outros dos presuntos membros da trama. 

Os tentáculos da suposta banda esténdese por todo o globo. Roel foi investigado en Arxentina por estafa bancaria ao sacar cartos de particulares do país. Polo menos unha das empresas vinculadas, Nortwick Insurance, foi creada na veciña Uruguai. As transferencias doutra das citadas, Lucía Enterprise, foron bloqueadas nos Estados Unidos.

A recente liquidación do Popular e da súa filial o Pastor dálle un novo xiro a esta investigación. Polo de agora, ao pouco de desapareceren estes bancos fíltrase a prensa un informe interno durísimo, que mesmo apunta a responsabilidades nas máis altas esferas do defunto banco galego. De acordo a este documento, se a Audiencia Nacional chama a declarar, como parece lóxico, aos directores da oficina do Cantón coruñes, “las citadas personas derivarían la responsabilidad a la Presidencia y miembros de la alta dirección de Banco Pastor, tal como se desprende de las entrevistas mantenidas con los mismos”.

Está por ver que actitude toma o Banco Santander ante todo isto. O Banco Popular no seu día asegurou que estaba a colaborar coa Xustiza, cambiando a actitude do Pastor, cuxos directivos negaron información a Xustiza tantas veces que ao final tivo que ir a UDEF a rexistrar as súas oficinas en 2015. 

Sexa como fór, o día que se coñezan os nomes dos clientes que supostamente usaron esta trama para sacar os seus cartos de España, é posíbel que entre eles figuren destacados persoeiros da vida económica e política de Galicia.

Temas: BANCA GüRTEL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta