Temas: VIñO

O actor Javier Veiga, pregoeiro da Feira do Viño de Valdeorras

A cita cos caldos valdeorreses terá lugar os vindeiros 15 e 16 de xullo na Praza de Viloira, no Barco de Valdeorras.

Por X.M. Fernández | O Barco de Valdeorras | 05/07/2017 | Actualizada ás 08:41

Comparte esta noticia

O actor Javier Veiga será o encargado de pronunciar o pregón na vindeira Feira do Viño de Valdeorras, que este ano acada a súa vixésima edición. Así o revelou o presidente do Consello Regulador, Francisco García, nunha comparecencia informativa xunto ao alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e ao deputado provincial, Juan Anta, para presentar o foro que se desenvolverá na Praza de Viloira os vindeiros 15 e 16 de xullo.

Presentación XX Feira do Viño de Valdeorras
Presentación XX Feira do Viño de Valdeorras

O acto inaugural terá lugar o sábado 15 pola mañá e o recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12.30 a 14.30 horas e de 19.30 a 23.00 horas. A día de hoxe, segundo comunicou o presidente do Consello Regulador, “hai 18 bodegas confirmadas para a feira, pero o prazo segue aberto polo que esperamos ampliar o número nos vindeiros días”.

Eventos paralelos

A feira contará cun programa completo de eventos paralelos, que se iniciará cun curso sobre novas tecnoloxías aplicadas á venda de viño, que se promoverá en colaboración coa Evega o vindeiro día 6 no salón de actos do Concello do Barco. Ademais, ao igual que en anos anteriores, celebrarase unha cata profesional na xornada do venres 14 e o domingo entregaranse os premios ás bodegas gañadoras neste certame oficial.

Xunto a isto, os días 13 e 14 celebrarase a segunda ruta dos pinchos de Valdeorras, que o Consello Regulador da D.O. Valdeorras poñerá en marcha en colaboración co Concello do Barco, con AEVA e co centro comercial aberto do Barco. Participan nesta iniciativa un total de 17 establecementos da zona.

Cartel do evento
Cartel do evento

Paralelamente, ao longo das dúas xornadas haberá actuacións musicais e actividades dirixidas aos cativos. Ademais, o sábado pola tarde celebrarase un show de cociña no recinto feiral a cargo de Flavio Morganti, chef dos restaurantes Galileo e Galigola de Ourense.

Tamén se porá en marcha de novo o tren Valdeorras Expreso para facilitar os desprazamentos de ida e volta ata o recinto feiral. O percorrido comprende saídas desde o polideportivo, pasando polo hospital e a praza do Concello ata chegar á Praza de Viloira.

O presidente do Consello regulador referiuse ao cartel deste ano: “Como vedes, o protagonismo do cartel é case exclusivo para o godello. Verdadeiramente, esta variedade –tan en boga na actualidade- constitúe o sinal de identidade da nosa  D.O. xa que representa máis do 50% da produción vinícola na zona”; e quixo lembrar tamén as dificultades que se presentan esta ano no sector: “Malia que 2017 está a ser un ano complicado para os membros do sector de Valdeorras por mor das xeadas do mes de abril” –proseguiu- “confiamos en salvar os mobles e que o godello nos siga a dar alegrías”. “Tendo en conta a situación actual e, como non pode ser doutro xeito, imos reivindicar o valor e a fortaleza do sector vitivinícola da comarca na vindeira Feira do Viño. E volveremos a incidir na importancia de que se concedan axudas directas aos afectados polos fenómenos meteorolóxicos adversos”, apostilou Francisco García.

Guía de viños e bodegas

Finalmente, o presidente da D.O. aproveitou a rolda de prensa  para presentar un catálogo editado recentemente polo Consello Regulador. Trátase dunha publicación que recolle en detalle información de cada unhas bodegas amparadas baixo o selo de calidade de Valdeorras e dos viños que estas producen. “O seu obxectivo é contribuír a posicionar os nosos brancos e tintos en diferentes ámbitos: feiras no exterior, accións comerciais, etc”, destacou Francisco García.

“Estou seguro de que esta guía vai permitir que moitos dos nosos prescritores e consumidores finais coñezan máis pormenorizadamente as nosas marcas e o noso potencial”, concluíu.

Temas: VIñO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta