Nos seus zapatos

É posible que Javier Bardem reciba moi bos emolumentos por facer do pirata Salazar e doutros viláns en películas de notable éxito comercial, pero curiosamente para algúns cinéfilos o mellor Bardem encóntrase en dous personaxes galegos aos cales el deu vida. Son o Ramón Sampedro de “Mar adentro” e o Santa de “Los lunes al sol”. Neste último título é especialmente memorable e dunha tristura difícil de soportar a historia do amigo de Santa que vive en condicións ínfimas. Celso Bugallo é o extraordinario actor que fai ver o desgarro da señardade.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 21/07/2017

Comparte esta noticia
Seguindo no mundo da cultura, hai moitas obras que entran no tema da soidade para analizar ese sentimento que se experimenta sendo sometido a unha operación, realizando un exame crucial ou enfrontado a unha importante entrevista de traballo, por citar varios exemplos. Tamén pode aparecer de maneira paradoxal estando nun acontecemento social, mergullados en festas en interiores ou dentro da multitude nunha metrópole. Porén, o máis tráxico é cando se produce na intimidade diaria. Disto falan con destreza varias cancións inmortais, dende a dramática “Eleanor Rigby” dos Beatles ata as simbólicas “So Lonely” e “Message In A Bottle” de Police ou a desolada “Private Hell” dos Jam.
 
O padecemento descrito neses temas, en películas como a abrasadora “La soledad” de Jaime Rosales ou “Lost In Translation” de Sofia Coppola, ou en novelas como “O vello e o mar” de Hemingway non é alleo nin descoñecido. Non obstante, hai unha cegueira selectiva que exclúe a certos individuos, xente que acaba sentíndose esquecida polo resto da comunidade. Aquel mozo que de pequeno deixaba os zapatos na ventá esperando os xoguetes e agasallos dos Reis Magos, medra e ve con espanto como parece ser invisible: deixa de existir estando vivo.
 
Hai unha expresión -empregada nun éxito do grupo  Depeche Mode - que fala de andar ou de poñerse nos zapatos de alguén (como fai quen ve os recordos de calzado que garda Auschwitz) para referirse ao acto de compadecerse desa persoa, desa muller que abandona o xardín que ten diante da súa casa, onde nunca recibe unha visita. As consecuencias son un dos dramas da condición humana: a persoa murcha no illamento e pode sucumbir aos infernos da depresión, da adicción, da pobreza, da demencia ou do suicidio.
 
En Galicia teremos que esperar a que con boas traducións ou, de novo, cunha película de calidade, se faga xustiza a nivel mundial con quen é no eido da Literatura a Mestra da Empatía e da Soidade. Quen lea os poemas de Rosalía de Castro - e obras menos coñecidas como “Ruínas” – entrará (ás veces a través da figura da propia autora) no corazón da escuridade social dos marxinados.
 
Sería posible que a través dun corpo coordinado de psicólogos, filósofos, traballadores sociais e voluntarios acreditados se crease un servizo público e gratuíto de visitantes, de xente que se preocupara tanto en aldeas como en vilas e cidades de atender, sequera unha vez ó mes, non soamente a anciáns e enfermos senón tamén á xente esquecida? Os indixentes, os depresivos crónicos e as persoas abandonadas pola familia e pola comunidade poderían recibir dende a dignidade algo de atención, de amparo e de agarimo. Se un concello ou un goberno adoptase esta medida, converteríase ipso facto nunha referencia mundial, traería luces de esperanza e de ilusión a moitos de nós, e crearía na sociedade un novo estado da cuestión que sería máis humanizado e sensible.  
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.