Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 20/09/2017 | Actualizada ás 14:00
A Xunta explicou a dimisión do responsábel do 112, desvelada en primicia por GC, aludindo “motivos persoais”. Con todo, o propio Juan José Muñoz non confirmou estas razóns publicamente até o de agora. O recente cese, ou dimisión, doutros dous cargos da Axencia de Emerxencias de Galicia (AXEGA) indica que pode haber outros motivos para estes cambios.
Hai nada, a principios de setembro ou finais de agosto, José Ángel Someso Anguita e Honorina Barrio Blanco desapareceron da Dirección Xeral de Protección Civil en Santiago e de feito nunca chegaron a instalarse na nova sede da Estrada. Dende aquela, o 112 opera sen o seu secretario, sen a Xefa Área de Coordinación Xurídico-Administrativa e Asuntos Financieiros e, agora, sen xerente.
Muñoz, Anguita e Blanco soportaron sobre as súas costas o desgaste do traslado dende Santiago esta primavera. Tras unha exemplar folga de varios meses, a Xunta perdeu o pulso cos seus subcontratados. Tívolles que conceder a compensación económica que reclamaban e practicamente todas as melloras sociais reivindicadas. Tras meses de cerrazón por parte da xerencia e Vicepresidencia, fíxose evidente que o Goberno non podía permitirse chegar ao verán, cando se disparan as emerxencias, cun 112 a medio gas.
Agora ben, ten sentido cesar ou facer dimitir aos cargos do 112 unha vez asentado o traslado e logrado un pacto cos traballadores? Unha das posibles respostas está no comunicado da CIG desta semana, sindicato ao que pertencen todos os delegados de persoal. A central relatou como a asemblea declarou persoa non grata ao xerente ante prácticas que din son próximas ao acoso laboral e en “vinganza” polo éxito da folga, dificultando o cumplimento do laudo que lle puxo fin.
Con todo, resultaría sorprendente que a Vicepresidencia forzase a caída, ou o xerente, dimitise por un comunicado do sindicato nacionalista, por moi cabreados que estean os operarios.
Outro factor que puido influír nestes relevos é o caso Faílde. GC revelou que varias administracións, entre elas a AXEGA, compraron material de emerxencias a Ricarsat e Emersafe. Carlos Faílde, coordinador de emerxencias na comarca da Estrada e daquela cargo no PP local, é o administrador único e apoderado respectivamente desas compañías. As revelacións de GC desataron unha treboada política a nivel local (Faílde presentou a súa renuncia temporal a ser traballador público e dimitiu da dirección do PP). O caso saltou ao ámbito galego, pois Vicepresidencia tivo que dar explicacións no Parlamento, que está por ver se foron suficientes para a oposición.
Polo de agora, En Marea xa reclamou hoxe a Rueda que compareza no Parlamento. Dende as filas da confluencia arguméntase que “o conselleiro debe explicar en sede parlamentaria a suma de problemas que o servizo de emerxencias está tendo en Galicia, desde a mala xestión do traslado das instalacións e os conseguintes erros na atención de urxencias, os conflitos abertos coa plantilla de traballadores ao que se suma a dimisión do xerente da Axencia Galega de Emerxencias”. A coalición formalizará unha solicitude de comparecencia na Cámara.
Tamén hai que ter en conta que a Vicepresidencia acaba de anunciar que está a negociar a creación dun novo modelo de emerxencias. Na Comisión Galega de Protección Civil celebrada este luns, Alfonso Rueda adiantaba que negociará con deputacións e concellos un novo mapa para a organización das emerxencias. Un sector conflitivo nos últimos anos, debido non só aos conflitos no 112 senón tamén cos parques de bombeiros privatizados. Fontes do sector indican a GC que, se cadra, Vicepresidencia estimou que o xerente da AXEGA non era a persoa acaída para abordar esta complexa negociación.
E quen pode substituír a Muñoz ao fronte dunha das maiores axencias públicas de Galicia? Polo de agora o único que hai son ruxe-ruxes, sen confirmar. Un dos nomes que soa é o de Marcos Araújo Pereira, ex-concelleiro do PP en Vigo e con experiencia no sector dos bombeiros e formación en emerxencias.
DECLARACIÓNS DA XUNTA SOBRE OS CAMBIOS
GC preguntou a Vicepresidencia cando se publicaría o relevo no DOG, pero aínda non obtivo máis resposta que sería "en breve". O Goberno si declarou a este xornal que "ábrese unha nova etapa na coordinación e na xestión das emerxencias, na que haberá que definir novos modelos, como xa se informou na Comisión Galega de Protección Civil. Esa nova etapa contará con novas persoas". Esa referencia á Comisión Galega deste luns confirma que un dos motivos dos relevos pode ser a negociación para o novo mapa de emerxencias
Sobre Juan José Muñoz, o departamento de Rueda repite o aplauso de onte: "Agradecemos o seu traballo e esforzo de todos estes anos". No referido aos dous subordinados dimitidos, dos que non facilitou nin os nomes, engade que "non son altos cargos e non se adoita informar deses cambios" e que estamos ante "un proceso de renovación non novos equipos e novas persoas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.