Francia golea a España en conciencia social (9-1)

España é a campioa do mundo en fútbol e case todo o mundo está moi orgulloso neste Estado pola proeza de 23 mozos millonarios que agora reciben o Premio Príncipe de Asturias dos Deportes.

Por Alberto Quian | Madrid | 21/10/2010

Comparte esta noticia

Orgullo compartido, desde o monarca Borbón ata o meu veciño Pepe, que leva dous anos no paro e ten que ir a un comedor social para nutrir o seu estómago e o dos seus fillos. Porén, Pepe sempre se amosa fachendoso coa súa camiseta da selección cando acode ao comedor social que tamén visitan liberianos, senegaleses, ecuatorianos, peruanos, romaneses, rusos… A fame non debilita o orgullo nacional. Pepe é un famento, pero tamén un campión do mundo. Que se note, aínda que sexa baixo os efectos do opio. Mentres haxa narcóticos para todos esquecerémosnos das nosas penurias. E viva o imperio futbolístico español! A miseria agochada baixa a alfombra dos símbolos e a dignidade e a conciencia anestesiada por un golpe opiáceo de balón.

No caso dos nosos veciños franceses, que viron saír pola porta de atrás á súa selección no Mundial de Sudáfrica, parece que o partido estase a xogar noutra cancha, na da xustiza social. Un clima de insurección esténdese por todo o país galo contra as medidas antisociais que está aplicando o Goberno para facer pagar o pato aos cidadáns dos desmandos financeiros e a claudicación dos políticos ante o poder dos mercados. A democracia ilusoria, a democracia secuestrada, os beneficios privatizados, as perdas socializadas, a ditadura dos mercados e os piares supranacionais do neofascismo liberal —Banco Mundial, FMI, Unión Europea…— marcan un antes e un despois nas relacións mercados-gobernos-cidadáns, onde os últimos son rabaño que sostén cos seus votos aos intermediarios do poder financeiro.

En Francia, como en Grecia e Islandia, os cidadáns están xa cansos de pagar os abusos e atropelos financeiros, empresariais e políticos. Francia rebélase. Os cidadáns toman as rúas e paralizan o país contra o despotismo do capitalismo. Acción-reacción. E mentres, en España os sindicatos anestesiados e unha sociedade acomodada no crédito ata as súas últimas consecuencias —con unha marxe xa moi escasa— mantéñense contemplativos ante a brecha económica e social. Unha folga xeral tardía e que foi unha cortina de fume é toda a resposta que son capaces de ofrecer sindicatos e só unha parte da cidadanía ante o recorte brutal de dereitos civís e laborais aos que nos enfrontamos coa reforma laboral e do sistema de pensións. Unha folga esquecida en 24 horas e arquivada no baúl das anécdotas. Porque o bocadillo de xamón e a cervexa non faltaron ao concluír as manifestacións. Con iso confórmase o español. “Traballar máis e cobrar menos“. É o lema da España postmoderna. É a consigna do representante dos empresarios españois, o paradigma do neofascismo e do explotador. E o neofascismo manda e ordena no país de Europa onde máis horas se traballa e menos se cobra. Escravos, iso é no que vos queren converter o señor Díaz Ferrán e todos os que o lexitiman.

Francia di “non” aos recortes sociais e laborais; España cala. “Incorrer no pecado do silencio cando se debe protestar, fai cómplices e covardes aos homes”(Zhou Enlai). Pero a cervexa mantense fría e o bocata de xamón está rico, rico. E coa boca chea non se fala. Podemos traballar 16 horas ao día por 600 euros mensuais e consentir que nos despidan cando queiran e como queiran, mentres teñamos cervexa e bocata de xamón para ver na tele fútbol e programas de xente rica, famosa e guapa. Opio para a crise.

Os efectos da crise en Francia non foron tan devastadores como en España. A economía francesa medra, pouco, pero medra, e a súa taxa de desemprego é a metade que a española. Pero a conciencia de clase, que refulxe pola súa ausencia en España, empurra aos franceses a rebelarse por enésima vez contra o poder político e financeiro. Os cidadáns franceses son conscientes de que eles non son os culpables, senón as vítimas desta crise. En España nin sequera se debate quen e por que xerou esta crise. Os socialistas franceses se opoñen ás mesmas reformas que pon en marcha o socialismo español. Quen matou as ideoloxías? Véxase ZP, CC.OO. e UXT como casos paradigmáticos. Francia vai pola súa novena folga masiva desde marzo pasado e mételle unha goleada de conciencia social a España, un país que gañou a Copa do Mundo de fútbol pero que na loita social é un país de terceira división. Francia 9 – España 1. Eu non aposto pola remontada. Apúntome a cabalo gañador e solicitarei a nacionalidade francesa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberto Quian Doutor en Investigación en Medios de Comunicación, Premio Extraordinario de Doutorado 2015-2016 e profesor de Xornalismo na Universidad Carlos III de Madrid. Naceu en Vigo o 7 de agosto de 1976. No ano 2000 comezou a súa carreira como xornalista en Faro de Vigo, ata que en 2008 deu un xiro co Posgrao en Xornalismo Dixital da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Dende entón desenvolve o seu traballo no eido dixital como especialista e investigador. Coa súa tese especializouse en ética e cultura hacker. É responsable de Redes Sociais e da área de Ciencia de Galicia Confidencial, labor que compaxina coa súa labor como investigador e con traballos para distintas empresas públicas e privadas no eido dixital e en medios tradicionais. Twitter: @AlbertoQuian. Autor do libro: 'El impacto mediático y político de WikiLeaks'.