Por E.P. | OURENSE | 25/10/2017 | Actualizada ás 16:47
O municipio de Viana do Bolo (Ourense) rexistra un novo incendio forestal de máis de 20 hectáreas tras quedar sufocado o martes o último lume da vaga do 15 de outubro. Segundo os datos facilitados a Europa Press pola Consellería do Medio Rural sobre incendios de máis de 20 hectáreas en Galicia, o incendio declarouse ás 13,05 horas deste mércores na parroquia de San Mamede e permanece activo.
Foron mobilizados cinco axentes forestais, 13 brigadas, sete motobombas, dúas pas, sete helicópteros e un avión, concretou o departamento de Medio Rural. Este incendio forestal en Viana do Bolo rexístrase nunha xornada cun novo aumento das temperaturas na Comunidade galega, que se manterá nos próximos días con valores elevados para esta época do ano.
Os efectivos de loita contra o lume lograron sufocar o martes o incendio forestal que afectaba o municipio de Cervantes (Lugo), o último que quedaba por extinguir da vaga de incendios que afectou a Galicia nas últimas semanas e que permanecía activo desde hai máis de 10 días.
Ademais, este novo incendio na provincia de Ourense rexístrase na xornada na que a Xunta volveu a prorrogar ata o día 12 de novembro o dispositivo antiincendios xa prorrogado con anterioridade para evitar novos lumes, ante a previsión de que nos próximos días haberá tempo seco e sen choivas, segundo informou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.