Alcaldes do BNG de concellos afectados polos lumes negan unha trama incendiaria

Rexeitan que haxa "terrorismo incendiario" e reclaman frear o abandono do monte como "antídoto" ao lume.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2017 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

Os alcaldes de Viana do Bolo (Ourense) e As Neves (Pontevedra) negaron que exista unha trama "de terrorismo incendiario" detrás da vaga de incendios que arrasou máis de 35.000 hectáreas nas últimas semanas, polo menos nas súas localidades, e apostaron por frear o abandono do monte e por rexuvenecer o medio rural como prevención e "antídoto" ao lume.

Bosque totalmente calcinado en Ribarteme (As Neves), tras os devastadores lumes que arrasaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro de 2017
Bosque totalmente calcinado en Ribarteme (As Neves), tras os devastadores lumes que arrasaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reuniuse con rexedores e responsables municipais da formación de concellos afectados polos incendios das últimas xornadas, comparecendo en rolda de prensa con Secundino Fernández e Xosé Manuel Rodríguez, rexedores de Viana do Bolo e As Neves, que detallaron a súa experiencia durante as tensas xornadas de loita contra o lume.

Pontón criticou que, "case dúas semanas despois", o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "non está nin se lle espera" e "segue sen dar a cara" no Parlamento para render contas sobre a crise de incendios, a pesar de que si ten tempo para ir recoller o Premio Popular do Ano a Alcobendas.

Así, reprochou o relato mantido pola Administración autonómica "desde o minuto cero" sobre a trama de terrorismo incendiario, "desmentido mesmo desde a Fiscalía", e ironizou con que as detencións producidas polo lume son as de "unha señora de 70 anos" (que queimaba uns restos) e un señor que asaba "uns chourizos", sumando tres hectáreas do total de 35.000.

A portavoz pediu "responsabilidade" a Feijóo e que se tomen as medidas necesarias para evitar que esta situación se repita, que pasan pola prevención, frear o abandono do medio rural e convertelo en xerador de riqueza e emprego, por un plan de investimento para garantir as franxas de protección e seguridade dos núcleos de poboación, e asumir un cambio "urxente" nunha política forestal "pirómana", que converte o monte nun 'polvorín'.

Sobre todo, apelou a unha necesaria "profesionalización" das brigadas de extinción, cun mando único e condicións dignas que se manteñan "todo o ano" para enfocarse tanto en sufocar as chamas como "en prevención".

Neste sentido, considerou a extensión do dispositivo de incendios "pon de manifesto a improvisación" da Xunta, lembrando que "foi un erro" a decisión de "suprimir as brigadas de Seaga".

"O LUME É UN SÍNTOMA"

O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, tamén rexeitou o discurso da trama, advertindo de que a xente "ten medo" das "consecuencias" do lume, os seus efectos sociais e económicos e non das causas.

Así, considerou "incriblemente inaceptable" que o decreto de axudas publicado pola Xunta vincule a existencia dunha indemnización ás victimas á intencionalidade do lume. "Paréceme redondear o discurso de que hai unha trama incendiaria", criticou.

Rodríguez apelou a articular medidas para frear o "abandono" destas zonas, que necesitan axuda para promover unha "reestruturación territorial e social", ademais de ambiental e económica. "O lume é un síntoma de que o rural esmorece, váisenos das mans".

O rexedor sinalou que as medidas deben ir "máis aló do momento", pasando por un sistema de alertas máis eficaz ou unha modificación lexislativa que permita actuar nas parcelas abandonadas e "que poñen en risco á poboación".

Todo iso pasando, ademais, por unha articulación territorial "completa" que poña a mirada sobre o monte e o medio rural como "oportunidade", reconstruíndo tanto "o que ardeu como o que non ardeu". "Facendo útil o territorio para eliminar esta situación", considerou.

"RESPONSABILIDADE" DA XUNTA

Nesta liña, Secundino Fernández (Viana do Bolo) denunciou a perda "tremenda" sufrida na zona tanto a nivel económico, ambiental como paisaxístico, con preto de 2.500 hectáreas afectadas que arderon "por falta de medidas preventivas", por unha seca "que levaba todo o ano" e a chegada dun fenómeno meteorolóxico adverso.

O concello tivo que despregar todo o persoal dispoñible ante a "falta de medios para parar" o lume, que non se extinguiu "ata que choveu" e que xerou unha situación "dramática" que derivou "en perdas brutais" para as comunidades de montes e os veciños.

"A loita contra o lume ten que ser responsabilidade da Xunta", insistiu o rexedor, advertindo de que a extinción de incendios "supera a capacidade técnica e económica" do Goberno local.

Fronte a ela, apostou que se promova o uso "racional" do monte, a actividade agraria e gandeira, e as "medidas preventivas", en lugar da "plantación de eucalipto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 LKI

Cando vai dar explicacións o BeNeGá polo de recibir os nazis de Hogar Social cos brazos abertos aló onde aínda goberna? Tardan moito. Tic-tac, tic-tac, tic-tac...

2 Arturo

Nótase demasiado que a " liña oficial" do BNG é negar que haxa nengunha trama incendiaria, e insistir en que a culpa tena a Xunta: non son os incendiarios os responsables, senón que a culpa é da " política pirómana ( ! ) da Xunta, coma se fose a Xunta quen poñera lume, e quen prantara eucaliptos. Non hai responsabilidade social de ninguén, non hai propietarios que prantan eucaliptos a esgalla para sacar unas pelas, e desgraciados que prenden lume. Non. E todo culpa da Xunta. Cando se define una postura no comité central, toca machaconeala todo o tempo nos medios, ata conseguir que a xente a crea.

1 Arturo

O monte será un polvorín, pero sen xente que prenda lume, non arde. O BNG só lle falta decir que non hai incendiarios, que o monte arde só. Os pirómanos son os que prenden o monte, non nengunha política de ningún tipo: son os incendiarios os responsables do lume. Esa é una evidencia que, seica, téntase, negar unha e outra vez. Xa pode haber a política que sexa, a prevención que se quera, que mentres haxa incendiarios vai seguir habendo incendios,