O día que Sartre falou galego

A coherencia e honestidade de Agustín Fernández Paz ao rexeitar o Premio da Cultura Galega das Letras 2010 lembra ao repudio do Nobel de Literatura por parte do filósofo francés Jean-Paul Sartre.

Por Alberto Quian | Madrid | 20/11/2010

Comparte esta noticia

Traio aquí para comezar esta reflexión do poeta ruso Yevgeny Yevtushenko que me parece moi oportuna: “Chegará un día no que os nosos fillos, cheos de vergonza, lembrarán estes días estraños nos que a honestidade máis simple era cualificada de coraxe”.

O 20 de outubro de 1964, a Academia sueca concedía ao filósofo e escritor francés Jean-Paul Sartre o Premio Nobel de Literatura. E rexeitouno. As raquíticas mentes non o entenderon e desatouse a polémica. A versión oficial explica que Sartre repudiou o premio fiel ao seu estilo de declinar todo recoñecemento ou distinción, alegando que os lazos entre o home e a cultura debían desenvolverse directamente, sen pasar polas institucións. De feito, o autor francés, que se sabía favorito ao Nobel de Literatura, enviou o 14 de outubro unha carta preventiva ao comité do Nobel na que rexeitaba o galardón por anticipado “para non cometer a indelicadeza de rexeitalo no caso de que lle fose conferido”. Pero debeu ser a única ocasión na que os académicos puxeron en dúbida a palabra sartreana. Seis días despois, concedíanlle o premio pola calidade dos seus escritos, o seu anhelo da verdade e a influencia fundamental que exerceu. Un premio que Sartre nunca aceptou.

Nunha entrevista publicada o 19 de novembro en Le Nouvel Observateur, Sartre botou máis leña ao lume argumentando que o Nobel é un galardón “con tinturas políticas” e engadiu: “Na actual situación, o Nobel é outorgado obxectivamente aos escritores de Occidente ou aos rebeldes do Leste [...] Encontro esta insistencia en outorgarmo un pouco ridícula”.

Sobre isto afondou máis tarde nunha conversa con Jorge Semprún publicada no número 3 de Cuadernos de Ruedo Ibérico, na que expuxo as razóns polas que rexeitara o Nobel de Literatura:

Son razóns de dous tipos. Unhas, de tipo subxectivo, e outras de tipo obxectivo. A razón subxectiva despréndese da miña concepción do intelectual, do escritor, que ten que ser un realista crítico, e rexeitar toda institucionalización da súa función. Un intelectual ministro, por exemplo, paréceme algo cómico. Un ministro da cultura só pode ser un funcionario. Coido que non fan falla ministros da cultura, pero se fixesen falla, que sexan funcionarios cunha sólida cultura, e non novelistas, por exemplo. Considero que o premio Nobel é unha especie de ministerio, de ministerio espiritual, se se quere. Se a un lle dan o premio Nobel, asina un os manifestos como premio Nobel, as xentes din: fainos falla a sinatura de fulano, porque é premio Nobel. Todo iso, para min, é o contrario da literatura. Diría mesmo que se a literatura se institucionaliza, pois ben, forzosamente morre. Esa é a razón que eu chamaría subxectiva. A razón obxectiva é outra. Consiste en que talvez poida aceptarse un premio internacional, pero só se o é realmente. É dicir, se nunha situación de tensión Leste-Oeste, se atribúe tanto ao Leste como ao Oeste, en función unicamente do valor dos escritores. Así ocorre cos premios Nobel científicos. Os premios Nobel científicos atribúense a rusos, a americanos, a checos, a homes de calquera país. É un premio que só ten en conta a achega científica de tal ou cal individuo. Porén, na literatura non ocorre así. Só houbo un premio soviético. Trátase dun gran escritor, Pasternak, que merecía ese premio desde fai vinte anos. Pero, cando se lle dá? No preciso intre no que se quería crear dificultades ao goberno do seu país. Trátase aquí, e así entendeuno todo o mundo, dunha manobra. Non acuso a ningún membro da Academia sueca de facer unha manobra: son cousas que se producen case obxectivamente, non é certo? Pero considero que non é posible aceptar un premio que non é verdadeiramente internacional, que é un premio do Oeste. Como para min, precisamente, o verdadeiro problema reside no enfrontamento cultural do Leste e do Oeste, a unidade en certa medida contraditoria de ambas as dúas ideoloxías, o seu conflito, a súa libre discusión, penso que ese premio se deu dunha maneira que non me permitía aceptalo, obxectivamente”.

Entón, Semprún preguntoulle por que pensaba que lle fora concedido o Nobel e Sartre respondeu:

Foime atribuído porque son de esquerda, pero son ao mesmo tempo un pequeno burgués do Oeste. Por conseguinte, creábase a impresión de que o premio se daba a un home de esquerda, pero dábase ao mesmo tempo a un pequeno burgués. Por que non se me deu ese premio durante a guerra de Alxeria? Xa tiña bastante idade para recibilo, mentres loitaba, xunto aos meus compañeiros intelectuais, pola independencia de Alxeria, contra o colonialismo. Penso que, a pesar dos meus principios, se se me dese naquel momento, aceptaríao. Se se dese a algún dos intelectuais que loitabamos pola independencia de Alxeria, consideraría oportuno aceptalo, porque iso tería manifestado o apoio da opinión pública á loita pola independencia alxerina”.

Sartre foi criticado non só por rexeitar o honor de recibir o premio máis importante das Letras que se outorga no mundo, senón tamén por ter repudiado coa súa decisión os cartos dese premio. Mais noutra mostra de integridade e coherencia, o filósofo francés argumentou na devandita entrevista concedida a Le Nouvel Observateur:

No fondo o que escandaliza é que ese diñeiro non sexa gastado. […] E ademais está a idea de que un escritor non merece eses cartos . O escritor é un personaxe sospeitoso. Non traballa, gaña diñeiro e pode ser recibido, se o quere, por un rei de Suecia. Iso xa é escandaloso. Se ademais rexeita o diñeiro que non mereceu, é o remate. Considérase natural que un banqueiro teña diñeiro e non o dea. Pero que un escritor poida rexeitalo, iso non pasa. […] Rexeito 26 millóns e mo reprochan, pero ao mesmo tempo explícanme que os meus libros se venderán máis porque a xente vai dicirse: ‘Quen é este atropelado que cuspe sobre semellante suma?’. O meu xesto vai pois a reportarme diñeiro. É absurdo pero non podo facer nada. O paradoxo é que rexeitando o premio non fixen nada. Aceptándoo tería feito algo, que me deixaría recuperar polo sistema”.

Corenta e seis anos despois, a integridade e a coherencia sartreanas renacen en Galicia e, en concreto, nun autor: Agustín Fernández Paz. O escritor de Vilalba rexeitou o Premio da Cultura Galega concedido pola Xunta de Galicia.

O 16 de novembro de 2010, Sartre falou galego.

Moitos sorprendéronse, outros non tanto.

Como Sartre, Fernández Paz tamén tomou medidas preventivas para que ninguén caese no erro de concederlle un premio ao que era contrario; como Sartre, foi congruente, honesto e incorruptible; como Sartre, rexeitou un premio contrario á natureza e pensar do escritor; pero a diferenza do que lle aconteceu a Sartre, Agustín non está sendo vítima de agravios, insultos nin aldraxes, todo o contrario. Agustín Fernández Paz é hoxe o paradigma do escritor galego que fala e escribe en galego, eloxiado e respectado.

Agustín Fernández Paz é o paladín da dignidade do noso patrimonio lingüístico.

Ao pouco de facerse público o fallo dos premios, o 16 de novembro, Agustín enviou un comunicado aos medios no que explica:

Debo lembrar que cando os Premios da Cultura Galega foron convocados manifestei en diferentes foros o meu desacordo con eles. Sigo a pensar o mesmo que cando me manifestei nese sentido. ‘En coherencia coa miña postura, agradezo o feito de que o xurado valorase a miña obra, máis non podo aceptar este premio. Sobre as razóns que motivan a miña decisión, remito ao comunicado que a plataforma Prolingua, entidade da que son membro, fixo público o pasado día 8 de outubro”.

Nesta ligazón está o comunicado de Prolingua co título “Rosalía de Castro nunca aceptaría ese premio”.

Como xa dixen, non hai reproches. Agustín Fernandez Paz está recibindo o cariño, o apoio e a admiración dun amplo sector da cultura e a sociedade galegas. E estou seguro de que o seu xesto digno dará puxanza á literatura e á lingua do noso país.

Non esquezades a Yevtushenko.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberto Quian Doutor en Investigación en Medios de Comunicación, Premio Extraordinario de Doutorado 2015-2016 e profesor de Xornalismo na Universidad Carlos III de Madrid. Naceu en Vigo o 7 de agosto de 1976. No ano 2000 comezou a súa carreira como xornalista en Faro de Vigo, ata que en 2008 deu un xiro co Posgrao en Xornalismo Dixital da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Dende entón desenvolve o seu traballo no eido dixital como especialista e investigador. Coa súa tese especializouse en ética e cultura hacker. É responsable de Redes Sociais e da área de Ciencia de Galicia Confidencial, labor que compaxina coa súa labor como investigador e con traballos para distintas empresas públicas e privadas no eido dixital e en medios tradicionais. Twitter: @AlbertoQuian. Autor do libro: 'El impacto mediático y político de WikiLeaks'.