Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/11/2017 | Actualizada ás 12:30
Música para apagar lumes. Este sábado celébrase o Concerto Expansivo por un Monte Vivo, un evento simultáneo co que xentes da cultura queren expresar a súa indignación e solidariedade ante a vaga de lumes do pasado outubro e ante o problema dos incendios, ao que se califica como “estrutural”.
Esta serie de concertos teñebn un carácter solidario, xa que o diñeiro recadado destinarase integramente a proxectos pedagóxicos e de recuperación ambiental dos colectivos ecoloxistas: Amigos da Terra, Adega, Amigos das Árbores da Limia e Amigas das Árbores de Ourense.
Os colectivos e músicas implicados no Concerto Expansivo queren poñer o acento na necesidade dunha nova política forestal ao tempo que reinvindican que se asuman responsabilidades políticas pola xestión da vaga de incendios sufrida en Galicia a mediados de outubro.
Nos concertos colaboran as salas El Pueblo de Ourense, A Arca da Noe de Vilar de Santos, A Gramola de Compostela, A Esghalla de Vila de Cruces e A Rebusca de Manzaneda e os colectivos Fundaçom Artábria, A Gentalha do Pichel de Compostela e o CSCD As Pedriñas de Mos.
No Concerto Expansivo participan artistas como O Sonoro Maxín, The Tetas Van, Leo i Arremecághona, Musicantes, Çe Orquestra Pantasma, A Vacaloura Vermella, Blues do País, Asacocirco, Paula Carballeira, A Banda Dos Cueiros, Ménage à Trois, Gergelyes, Maskarpone, Charabiscas ou Tanto Nos Ten.
Tamén conta coa colaboración da ilustradora e deseñadora María Nóvoa así como da escritora María Lado, que escribiu o Manifesto por un Monte Vivo, que será lido ao inicio dos concertos.
PROGRAMA
OURENSE, El Pueblo Café Cultural 21h: Ménage à trois grupo, Blues do País, Thetetasvan Van e O Sonoro Maxín.
COMPOSTELA, Gentalha Do Pichel 20h: Gergelyes, Paula Carballeira e Foliada Popular A Gramola Café 21h: Regueifesta e Banda da Gramola
FERROL, Fundaçom Artábria 22h: Rottentown e Iron Hunter.
MOS, CSCD As Pedriñas 18h: Asacocirco Compañia, A Vacaloura Vermella e Tanto Nos Ten.
VILAR DE SANTOS, A Arca da Noe 18h: A Banda dos Cueiros.
MANZANEDA, A Rebusca 21h: Maskarpone, Cé orquestra pantasma e Leo Arremecághona.
VILA DE CRUCES, A Esghalla 21.30h: Charabiscas e Musicantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.