Temas: FILOSOFíA

A Filosofía sae á rúa para reclamar a súa importancia na sociedade

A Facultade de Filosofía da USC organiza diversas actividades coincidindo este 16 de novembro co Día Internacional da Filosofía.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/11/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A Filosofía foi, é e será importante. Con este obxectivo, e a pesar das dificultades polas que pasa unha ciencia que pretende ser suprimida dos curriculos escolares, un ano máis, a Facultade de Filosofía da USC organiza toda unha serie de actividades arredor do Día Internacional da Filosofía que se celebra o 16 de novembro. 

Campaña para que Filosofía volva ser obrigatoria en Bacharelato
Campaña para que Filosofía volva ser obrigatoria en Bacharelato

O programa ‘Filosofía na rúa’ comezou xa o luns no Café Airas Nunes, cunha mesa de discusión sobre a posverdade organizada en colaboración coa revista Lume  e Nexos. Participan no debate o decano da facultade compostelá, José Miguel Sagüillo; o catedrático de Filosofía Miguel Vázquez; Zeltia Laya, do colexio Fingoi de Lugo; o doutor en filosofía Abraham Rubín; e Elena Galkina, do IES Rosalía de Castro.

Este martes está prevista, ás 19.00 horas no Salón de actos da facultade, a conferencia ‘A nostalxia das cousas, a arqueoloxía dos sentimentos e o trampantoxo foucaultiano’ a cargo do catedrático de Historia Antiga José Carlos Bermejo. A xornada dese día rematará ás 21.00 horas cun recital de poesía filosófica no Café Caldeirería.

Os sentidos de ‘independencia’ será o asunto a tratar o mércores 15 ás 19.00 horas de novo na facultade, cun debate aberto no que participarán o escritor Suso de Toro e os profesores da USC Lourenzo Fernández Prieto, Xavier Vence Deza e Rafael Martínez Castro.

As actividades desta semana péchanse o xoves, ás 19.00 horas en Filosofía, coa conferencia ‘A India no pensamento alemán’ do investigador de Historia da USC Pedro Andrés Piedras Monroy.

Vindeira semana

O programa de ‘Filosofía na rúa’ terá continuidade nos próximos días. Así, o martes 21 ás 17.00 horas na Facultade a profesora da Autónoma de Barcelona Victoria Camps pronunciará o relatorio ‘A cidadanía no século XXI’, mentres que o xoves 23 ás 19.00 horas terá lugar a conferencia ‘Mulleres, LGTBI, Queers e +’ a cargo de Lourdes Méndez, da Universidade do País Vasco.

A maiores, entre este mércores e o venres 17 a Aula 3 da Facultade acollerá unha exposición fotográfica da autoría de Aldana Colman Rucco e Sergio Gonzáklez Cancela.

Temas: FILOSOFíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta