Avance regresivo

O que de entrada é un oxímoro ten, ao meu xeito de ver, varios tipos de lecturas.

Por Andrés Núñez Rajoy | A Coruña | 03/01/2018

Comparte esta noticia
O título lémbrame a unha brincadeira coa que xogábamos cando eu era pequeno e era comentar un discurso de Franco, que según as nosas fontes, de nenos do franquismo, fixera nun encontro co seu colega portugués Salazar, no que dicía: “españoles y lusos (aquí botábamos unhas risadas porque queríamos entender ilusos) hace una década estábamos al borde del precipicio hoy hemos dado un paso hacia adelante”, -pois vaia hostia que se pegou- dicía sempre Manolo o Crouco entre sorrisos.
 
Máis non é de brincadeiras do que quero falar, non. Dinme de conta cando un día destes escoitei nun bar a seguinte reflexión :“O radicalismo dos conservadores estanos levando cara un avance da regresión”, de entrada a frase sorprendeume por contraditoria pero escribina nun pano de mesa que había na barra. Xa de vagar fun pensando, remoendo, e vexo que  quen a expresou tiña moita razón. Imos ver.
 
Os feitos que estamos vivindo no derradeiro ano tanto a nivel mundial, europeo, español ou galego, non importa a localización, poñen ao descuberto a crúa realidade da división da sociedade entre grupos máis (e moi) conservadores e os máis progresistas. Póñense de moda palabras como “postverdade” ou “fake”, cando o máis fácil seria chamarlle polo seu nome: engano e manipulacion da realidade con mentiras.
 
O intento unha vez máis outra para convencernos de que a economía medra pero que seguimos en crise, que a crise persiste porque non somos competitivos e si non podemos competir debemos de baixarnos os salarios para así poder colocar os nosos produtos no mercado global. Así os empregos que se crean (na súa inmensa maioría) son mal remunerados e con data de finalización, ou o que é o mesmo temporais. Non se fai, polo menos nos grandes medias, ningunha reflexión de que os ricos son cada vez máis ricos e os pobres máis pobres. Sempre se nos fala dos países da OCDE, a comparanza con eles, nunca falan de Portugal, de como está saído da crise, da redución da súa débeda. Avanzamos na regresión tamén da información.
 
O trato que lle dan ao paro xuvenil, sempre coa mesma música, sempre dicindo que o importante e que se creen postos de traballo ,que non importa a calidade do mesmo senón o número deles. Esquecen que os mozos e mozas cando buscan un traballo o que inician (ou queren iniciar) é un proxecto de vida. Proxecto que se iniciará tarde, mal e arrastro porque cos salarios que conseguen non se dan emancipado, e si o fan é moi tarde ou para vivir en pisos compartidos. 
 
O radicalismo destes conservadores levou, e aínda leva, a moitos dos seus opositores a un enfrontamento aberto e intransixente, pensando que así poderían detelos; pero nada máis lonxe da realidade vemos que a confrontación directa refórzaos, aínda se cabe máis, nas súas posicións. Así vemos as respostas que está a dar trumpismo no EE UU, o medre da extrema dereita en Europa, incluíndo a membros nalgún gobernos. A nivel de estado español vemos que pasa o mesmo. Empezouse polo de “a por ellos oé”, sigue co dos grupos de wasap do concello de Madrid, e para rematala o presidente de goberno do Reino de España manifesta que á rúa Rosalía de Castro no concello de Pontevedra el siguelle chamando co nome do golpista-franquista Salvador Moreno e seguro que a rúa Gutierrez Mellado lle sigue chamando General Mola .
 
Pero o que máis pasma e ver como xorden os grupos (e persoas) franquistas, que sempre soubemos que existían, que estaban aí, agochados, todo o máis era velos como siareiros radicais dalgún club de fútbol. Agora séntese lexitimados, todas estas persoas franquistas, para expresalo libremente, convocar aos seus na rúa e ameazar a quen queiran, a presumir de selo. Non foron unha nin dúas as bandeira de España franquistas que vin estes días por Galicia, foron varias. Nunha casa na que había unha exposta tiven que parar  por motivos de traballo, unha vez feito este  e sinalando a bandeira díxenlle : mira, esa non é a bandeira da galiña? A resposta non pudo ser máis clarificadora e foi: “si, e que? Non che gusta, pois azucre, a amolarse que eu poño o que me sale daquí (sinalización). Boa falta facía Franco agora unhas hostias a uns cantos e listo. E pola fronteira non pasaba nin dios, os de fóra pa fóra”. Calei e marchei, asustado, mesmo temeroso.
 
É moi importante que se deteña o avance da regresión e so hai dous camiños. Un moi claro é a revolución e a historia dinos que non hai revolución, nin cambio revolucionario, sen loita armada ou golpe con armas. O século XX está ben cheo de exemplos tanto dunha banda coma da outra. 
 
O outro camiño é traballar na moderación, visto que as confrontacións directas e os “fakes” actúan  na liña de facer medrar esta regresión conservadora. Sei que o concepto moderación non ten boa prensa na política, mais debemos reformula e adaptala ao século XXI e a sociedade e momento que nos toca vivir. Sabemos que a verdade non é absoluta. Que son moitas as verdades mesturadas con principios erróneos, con partidismos, con manipulacións, co aproveitamento do momento electoral, mesmo cos intereses dos seus dirixentes ou dos grupos de presión que os apoian. A moderación non quere dicir que se comunga con rodas de muíño nin ten porque ter equidistancia. A moderación é facer entender a sociedade que a imposición é o oposto á negociación. A moderación é todo o contrario ao que se fai hoxe en política como o pensamento único, o desprezo polo contrario, a presunción do radicalismo. Practicar a moderación é, nestes tempos, un exercicio de valentía. Si non actuamos así perderemos o estado do benestar, o ensino e a sanidade públicas, os traballos e salarios dignos. En fin perderemos. A ver se avanzamos na progresión.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Últimas de Andrés Núñez Rajoy
Andrés Núñez Rajoy Enxeñeiro Técnico Agrícola. Leva na profesión case corenta anos. Traballou na Cooperativa Agraria Provincial da Coruña como xefe do Departamento do Hortofloricultura. Foi Axente de Extensión Agraria na oficina de Carballo. Estivo adicado a investigación e experimentación en horticultura tendo máis de 20 publicacións en revistas especializadas. Foi coautor do primeiro libro de horticultura en galego. Foi Xefe do Servizo de Produción Agraria Sustentable e Sanidade Vexetal na Consellería do Medio Rural. Foi membro do Comité Fitosanitario Nacional, Comisión Nacional de Avaliación de Fitosanitarios e Comisión Nacional de Bioseguridade . Na Unión Europea formou parte do Committee on the Food Chain and Animal Health. Na actualidade traballa no Servizo de Infraestruturas Agraria en Pontevedra. É o responsable da Secretaría de Finanzas, Patrimonio e Internacional da Comisión Executiva Nacional de Compromiso por Galicia