10.000 sinaturas para frear o eucalipto en Galicia

Presentan en Pontevedra a iniciativa lexislativa popular para "salvar o bosque galego do lume e dos eucaliptos".

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 12/01/2018 | Actualizada ás 10:02

Comparte esta noticia

Protexer e mellorar os hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais, e en particular, frear a invasión do eucalipto en Galicia. Este é o principal obxectivo da proposición de lei por iniciativa lexislativa popular (ILP), que este xoves presentaron en Pontevedra os seus impulsores.

Bosque de eucaliptos en Galicia / José Antonio Gil Martínez en Flickr: www.flickr.com/photos/freecat/247625545/
Bosque de eucaliptos en Galicia / José Antonio Gil Martínez en Flickr: www.flickr.com/photos/freecat/247625545/

Os colectivos que puxeron en marcha esta ILP, reunidos en Pontevedra, explicaron a necesidade de recoller un mínimo de 10.000 sinaturas para poder presentar no Parlamento galego unha lei para "salvar o bosque galego do lume e dos eucaliptos". Tras esta iniciativa están uns 60 sindicatos, organización e colectivos como a CIG, Fruga, a Organización galega de montes en man común, Adega, Irmandade Illa de Tambo, a Asociación Monte Pituco, Umia viva, as federacións de asociacións veciñais Castelao e Teucro, APDR ou Vaipolorío. Todas elas agrupáronse na entidade 'Cousa de Raíces', que "pretende virar 180º as políticas de xestión dos nosos montes e do noso medio rural".

A campaña de recollida de sinaturas estenderase por toda Galicia até o próximo 24 de marzo. O obxectivo é non só acadar ese mínimo de 10.000 sinaturas, senón superalo amplamente. Para isto, os impulsores instalarán mesas informativas en puntos claves nas rúas para poder asinar, organizarán charlas para dar a coñecer a situación actual dos montes e promoverán mocións nos plenos dos concellos e nas deputacións.

Os promotores desta ILP responsabilizan á Xunta de Galicia do abandono do rural e das terras agrarias para promover a súa posterior eucaliptización. De feito, alertan de que un de cada cinco metros cadrados de chan forestal está xa ocupado por eucaliptos para, principalmente, abastecer a industria da madeira e do papel, e moi en particular, a ENCE. Datos dun último estudo científico cifran en 434.000 as hectáreas ocupadas polo eucalipto en Galicia duns 2 millóns de hectáreas forestais que ten o país. Ese traballo, realizado por investigadores das universidades de Vigo e Coimbra, evidencia por vez primeira que os incendios forestais que se producen en Galicia contribúen a aumentar a capacidade de invasión do Eucalyptus globulus, a especie de eucalipto máis estendida no país, que ameaza a subsistencia da vexetación autóctona.

Unha das principais finalidades da ILP é conseguir que, ao igual que xa fixo Portugal, se decrete unha moratoria para as novas plantacións de eucalipto e que se elimine dos espazos protexidos, Rede Natura e das terras de alto valor ecolóxico, coa intención de recuperar os bosques autóctonos.

A idea é compatibilizar os aspectos produtivos do monte coa conservación dos hábitats naturais, particularmente dos bosques nativos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anti...

Mentres haxa un koala de presidente da xuntiña. Eche o que hai neniño.