Por Galicia Confidencial | Vigo | 08/01/2011 | Actualizada ás 23:06
“Quince pais galegos con fillos escolarizados no primeiro ciclo de Primaria” denunciarán á Xunta nos xulgados para conquerir “o dereito dos seus fillos a recibir a educación en lingua materna” co apoio de Galicia Bilingüe. Este é o novo comunicado o colectivo contrario á promoción do galego.
Trátase da segunda vez que GB lanza unha iniciativa xudicial concreta contra a Xunta dende que goberna o PPdeG. A denuncia contra o "decreto do plurilingüismo" está no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pero é probábel que non se resolva a medio prazo. Con esta nova demanda GB busca obrigar aos xuíces a pronunciarse antes e asemade mostra como aumenta o distanciamento entre Feijóo e GB.
Moi próximos durante o bipartito, os conservadores comezaron a distanciarse das posturas do colectivo de Gloria Lago cando percibiron a magnitude da resposta popular a medidas como o "decreto do plurilingüismo", que a GB lle resulta insuficiente malia reducir as aulas en galego. Ante o medo de perder votos no rural e mobilizar aos votantes de esquerda, na actualidade os conservadores tentan apagar a polémica sobre a suposta imposición do idioma propio, polémica que axudaron a erguer amplificando as denuncias de GB e secundando as súas manifestacións.
O colectivo de Gloria Lago denunciará na Xustiza que os pais só poden escoller a lingua de escolarización en Infantil, o que na súa opinión claramente incumple o prometido por Feijóo en precampaña e viola a Lei. GB lémbralle a Feijóo que prometeu unha "casilla" no sobre de matrícula para que os pais poidesen escoller a lingua das materias troncais.
A asociación asegura que “isto afecta tanto a alumnos cuxa única lingua materna é o español, como a alumnos cuxa lingua materna é o galego, sobre todo nas cidades no caso destes últimos, que están inxustamente discriminados por estar en minoría”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.