O furtivismo segue aumentando en Galicia: un 13 % máis de comisos no que vai de ano, co polbo como captura estrela

O polbo encabeza as incautacións, con preto de 6.000 quilos ata agosto, case o triplo que no mesmo período de 2024.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2025 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

O servizo de Gardacostas comisou un total de 16.637 quilos de peixes e mariscos a furtivos en Galicia ata agosto, o que supón preto de 2.000 quilos máis (+13,4) que no mesmo período de 2024. Con datos ata o 4 de agosto de 2025, facilitados a Europa Press, este servizo dependente da Consellería do Mar elevou un 9 % o número de infraccións impostas, ata un total de 1.509.

As 6.000 inspeccións realizadas nos sete primeiros meses saldáronse cun total de 18.655 artes intervidas, son máis de 5.000 que no mesmo período de 2024 (+38,7 %). Gardacostas de Galicia é o organismo autonómico encargado da vixilancia, procura, salvamento marítimo e a protección do medio mariño nas augas e litoral costeiro da Comunidade Autónoma de Galicia e depende directamente da Xunta.

O POLBO ENCABEZA OS COMISOS

Entre o global de 16.637 quilos incautados no que vai de 2025, sobresaen os 5.924 quilos de polbo (o 35,6 % do total) intervidos. Supón case tres veces máis que os 2.262 quilos a estas alturas de 2024. A seguinte especie con maior cifra de comisos é a sardiña, cun total de 4.196 quilos, seguido de centola (1.345 quilos), mexilla (750 quilos), ourizo (691 quilos) e choco (630 quilos). Por tipo de infraccións, das 1.509 detectadas case a metade correspóndense con operativos no mar (743), seguido por portos (359) e praias-costa (157) entre as principais.

PERSOAL E MEDIOS

Este servizo conta con máis de 35 anos de historia, aínda que a súa denominación de Gardacostas créase definitivamente por lei en 2004. Gardacostas de Galicia estrutúrase en servizos centrais e periféricos. Os periféricos organízanse en nove unidades operativas (Celeiro, Ferrol, Coruña, Muxía, Portosín, Ribeira, Vilaxoán, Pontevedra e Vigo), cun xefe de unidade operativa á fronte que coordina ao persoal adscrito á mesma.

Os órganos centrais asumen a dirección do servizo correspondéndolles, en xeral, o establecemento de estratexias e directrices, a programación das actuacións, o seguimento, coordinación e control das actividades programadas, entre outras. Gardacostas forma un colectivo que suma unhas 300 persoas entre inspectores, subinspectores, patróns, mecánicos, vixiantes mariñeiros e persoal de empresas que colaboran co servizo.

Os medios cos que conta este servizo son máis dun centenar entre aéreos, marítimos e terrestres. Os medios aéreos son os seguintes: un helicóptero Pesca 1 (base en Vigo) e helicóptero Pesca 2 (base en Celeiro). En total, o servizo aéreo está formado por: 18 pilotos, nove operadores de guindastre, nove rescatadores, 10 técnicos de mantemento e un administrativo. Son 24 os medios marítimos: tres buques; tres buques multipropósito ('Sebastián de Ocampo', 'Irmáns García Nodal' e 'Valentín Paz Andrade'); nove patrulleiras pesadas, un remolcador e 11 planadoras. A eles súmanse 75 medios terrestres.

Servizo de Gardacostas de Galicia
Servizo de Gardacostas de Galicia | Fonte: ADRIAN IRAGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta