Repensar o modelo económico

O “Foro de Entorno Socioeconómico” do Círculo de Empresarios de Galicia-CFV ven de publicar un informe titulado “Repensar el Estado”.

Por Xesús Veiga | Santiago | 11/02/2011

Comparte esta noticia

Con esta iniciativa, a coñecida entidade empresarial viguesa semella querer participar activamente nunha singular tendencia que se ven rexistrando nos últimos meses:manifestos e tomas de posición de distintas asociacións ou entidades vinculadas a sectores empresariais que postulan a necesidade de modificar substancialmente o modelo territorial vixente no Estado español.

Mais alá do lexítimo exercicio de opinión a respeito da situación que presenta o contorno económico, político e social e dalgunhas discutíbeis avaliacións concretas que se realizan nos distintos apartados do texto, resultan salientábeis dúas circunstancias asociadas ao propio informe.A primeira ten a ver coa ruptura do mito da aceptación incondicional por parte da elite empresarial do actual marco constitucional e estatutario.A tantas veces invocada neutralidade nos xuízos sobre as dinámicas políticas é substituída por un conxunto de críticas explícitas, especialmente intensas no caso dos partidos nacionalistas da periferia.

A segunda circunstancia remite ao diagnóstico básico que preside todo o documento.Para o Club Financeiro de Vigo a crise económica actual é a proba decisiva que demostra as graves carencias estruturais do modelo autonómico español e xustifica, xa que logo, o necesario proceso de revisión.Sorprendentemente, o Círculo de Empresarios non establece ningunha relación de causalidade entre a desfeita económica que estamos padecendo e o modelo produtivo edificado nos últimos anos no Estado español ou, se queremos elevar a mirada, as características vixentes nos mercados financeiros durante estas décadas pasadas.Se convidan proximamente a Felipe González tal vez lles podería explicar a conversión do sistema financeiro nun casino sen regras e as graves consecuencias provocadas na economía produtiva.Postos a repensar, por que non facelo co propio modelo económico dominante?
Polo demais, os empresarios galegos coñecen, por experiencia directa, os beneficios derivados da existencia da Xunta de Galicia dende 1981.A distancia corta e o coñecemento inmediato facilitaron a consecución de moitas axudas e subvencións.Cando tiveron que acudir aos despachos de Madrid, os resultados foron radicalmente diferentes.De todo iso tamén deberían escreber e tirar conclusións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.